Acto sobre a estafa da Preferentes e Subordinadas en Barro

Sábado 27 ás 21 h. na Biblioteca de Barro

Desde xa hai uns meses, véñense desenvolvendo por toda a naciónbng barro mobilizacións e protestas protagonizadas por xente estafada polas entidades bancarias a través de produtos lixo como as chamadas participacións preferentes e obrigas subordinadas. A maioría destes cidadáns e cidadás (máis de 60.000 só no noso país) eran pequenos aforradores que acabaron vendo como o diñeiro froito do seu traballo se vía inicialmente inmobilizado polas devanditas entidades bancarias (en Galiza, fundamentalmente as antigas Caixas de Aforro). E isto, coa anuencia dos diferentes gobernos de Madrid, que ampararon e consentiron estas prácticas bancarias sen dúbida fraudulentas.

Desde que o BNG tivo coñecemento desta situación, promoveu diferentes actuacións no plano político e institucional encamiñadas a mostrar o seu compromiso e solidariedade coas e cos nosos compatriotas estafados polos bancos, así como a demandar unha solución política para o conxunto dos afectados e afectadas polas preferentes e subordinadas. Así mesmo, demos o noso apoio como forza política ás diferentes plataformas de afectados e afectadas que se foron constituíndo polo país, facéndonos eco das súas lexítimas demandas.

A día de hoxe, lonxe de solucionarse a problemática dos estafados e estafadas polas preferentes e subordinadas, esta agravouse aínda máis, por mor da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de proceder a unha quita sobre os aforros das cidadás e cidadáns atrapados en participacións preferentes e obrigas subordinadas. Un auténtico roubo a estes pequenos aforradores e que en Galiza vai significar a expropiación duns 600 millóns de euros, que serán transferidos desde os petos dos cidadáns para esas mesmas entidades bancarias que os estafaron. Así é como entende o PP que se debe dar solución a unha estafa en toda regra como a das participacións preferentes e obrigas subordinadas.

Para falar sobre este tema, o BNG organiza unha charla-coloquio para este sábado, día 27, ás 21 h. na biblioteca de Barro, coa presenza do portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Fdez. Abraldes e o membro da Plataforma de Afectad@s do Baixo Miño,Xulio Vicente.

barro-acto preferentes

Deixar un comentario