O monte está a expensas da climatoloxía. De como chegue o verán
dependerá que a comarca se converta nunha polvoreira. A chegada da primavera está a facer crecer con forza as matogueiras regadas durante todo o inverno, pero será coas altas temperaturas cando a comarca entre unha situación de alto risco.
Desde as comunidades de montes alertan de que «non se inverteu nada en arranxar o monte, o matorral é importante dende o punto de vista da natureza, pero non hai liñas de protección», sinala o presidente da mancomunidade de Castrove-O Salnés, Claudio Quintillán. Tras os incendios do 2006, nos que a comarca viu como 20.400 hectáreas convertíanse en cinzas, publicouse a lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios para previr durante o inverno o que o descoido e a calor puidesen traer no estío.
Con todo, os comuneiros aseguran que a crise -aínda non se coñecen as
axudas ás comunidades para a formación de brigadas- e a desvalorización -o custo da madeira baixou- están detrás dun monte que recibe ao verán «en mal estado».
Non só os comuneiros advirten dos males que se aveciñan, senón que fontes das brigadas antiincendios consultadas por La Voz recoñecen que o verán pasado non houbo lumes e «agora estamos ao 100 %, hai moito combustible». A maleza crece máis rápido que o que puideron limpar. Fíxose o mínimo, así que se as condicións atmosféricas son propensas, «a situación pode ser caótica». Desde Meteogalicia non fan previsións a longo prazo, pero advirten de que á pesar de que esteamos ante unhas xornadas secas, a medio prazo vólvense a ver choivas e precipitacións.
Falta de subvencións
Tantos comuneiros, como brigadistas, advirten de que a falta de subvencións e a mala climatoloxía restrinxiu as actuacións. «Para este ejercicio aún no salieron las ayudas al desbroce y limpieza», indica un brigadista. Ao ritmo ao que van, temen que se aproben nos próximos meses e as tarefas de roza arrinquen no verán, a época de alto risco. «Deberían ter empezado o pasado mes», sinala un dos comuneiros, quen puntualiza que o monte que está en mans privadas sofre máis carencias que o comunal.
Na zona que abarca desde Caldas ata o monte Castrove e desde a costa ata A Estrada traballan cinco brigadas. Tres delas operan durante todo o ano e as outras dúas súmanse en febreiro, como empregados fixos descontinuos, pero aínda faltan os que se incorporen entre o 1 de xullo e o 30 de setembro para coidar os montes.
Que Deus nos colla confesados
Adous meses do comezo do verán, a tempada de incendios forestais véntase
moi perigosa. A abundancia de chuvias e o incremento das temperaturas que chega coa primavera farán medrar a cuberta vexetal dos montes de xeito apreciable, pero a Xunta no parece preocuparlle. A práctica desaparición de axudas económicas ás comunidades de montes para traballos silvícolas engádese a ausencia de política de prevención. Xa o ano pasado saíron tarde e volvemos tropezar na mesma pedra. E a día de hoxe nin sequera a Consellaría de Medio Rural formou as súas cuadrillas. É tanta a súa desidia, que a estas alturas aínda non convocou ao sector no Consello Forestal para informarlle do Plan Pladiga (contra os incendios) deste ano.
A nivel local a cousa está un pouco mellor. O Plan Monte Vivo do Concello de Pontevedra posibilitou que hoxe estea atendido e traballado a gran maioría do monte veciñal desta zona. Pero non nos enganemos. Quedan dúas terceiras partes de monte en matos particulares, a maioría sen xestión. E son as parcelas máis achegadas ás casas e instalacións. O traballo comezado polo goberno bipartito coas franxas de protección está hoxe medio esquecido por concellos e Xunta de Galicia, que mesmo reformou a lei reducindo estas franxas. Nesta situación, soamente falta que se dean as condicións meteorolóxicas do 2006 para que teñamos de novo nas portas aquela destrución que nos encolleu a alma. Que Deus nos colla confesados!
