O alcalde de Barro, José Antonio Landín, recoñeceu onte que está ao tanto
da situación na que se atopan os comerciantes e hostaleiros do municipio pola onda de roubos que se está producindo no mesmo.
Visiblemente preocupado polo asunto, Landín, que ao mediodía se reuniu cunha representación dos comerciantes integrados na asociación Acebarro para tratar de articular unha vía de traballo conxunto cos afectados, explicou que, en certo sentido, a existencia de roubos “non é ningunha novidade e claro que é unha prioridade para o Goberno local. Levamos xa un tempo traballando nisto e podo dicir que no último trimestre levo tres reunións co subdelegado do Goberno, Coello Bofill, para tratar do asunto”, indicou.
Respecto diso das queixas dos veciños sobre a falta de cobertura policial que consideran que pode estar a facilitar o traballo aos malfeitores, o alcalde discrepa. “Hai un traballo en marcha e penso que podo dicir que é serio. Teño que dicir que en Barro detectouse unha elevada inseguridade cidadá e tamén algún problema de saúde pública e que se están a desenvolver investigacións respecto dos dous asuntos. Non podo comentar máis, como é obvio, porque son traballos policiais, pero temos moita esperanza en que os resultados se poidan notar canto antes, porque sei que os hosteleiros o están pasando mal. Aos veciños, en virtude de todo isto, temos que pedirlles paciencia e precaución e seguir tentando resistir”, recalcou o alcalde.
Landín, que ao mediodía de onte non descartaba que se puidesen tomar máis medidas en diante, destacou que, a pesar do desexo de poder contar con resultados canto antes había que entender “que estas cousas son lentas, porque é un traballo coidadoso e tamén porque hai que garantir a seguridade xurídica dos cidadáns”, afirmou.
Denuncias. O alcalde recomendou, ademais de que se extremen as precaucións, que os afectados denuncien ante a Garda Civil os intentos de furto ou os furtos que padezan. Pola súa banda, a Garda Civil indicou na xornada de onte que, desde o día 1 de abril, salvo o intento de roubo a punta de pistola, non constan denuncias por outros sucesos deste tipo en Barro.
O rexedor opina o contrario. “A xente si está denunciando, ou iso é o que me contan e o que ten máis sentido, pero se a Guardia Civil o di eu non os vou contradicir”.
O presidente de Acebarro, a asociación de comerciantes locais que onte
revelou o intento de atraco no Rincón do Coxo, destacou tamén que a denuncia é un paso necesario que se está cumprindo escrupulosamente. “Sempre denunciamos cando nos pasa isto. Entre outras cousas porque hai danos que reparar e sen denuncia policial o seguro non se fai cargo de nada”, apunta.
Tiro. Por outra banda, Miguel, outro dos responsables do restaurante O Rincón do Coxo, onde se produciu o intento de atraco por catro encapuchados, contou onte a súa versión ás televisións. Na súa declaración recoñeceu que nun primeiro momento os axentes pensaron que lles habían tratado de intimidar cunha pistola de fogueo, pero que ao día seguinte acharon a bala aloxada na base do retrovisor, así como o casquillo na rúa, polo que tiveron que volver pedir a presenza das autoridades.
Tamén durante a xornada de onte podíanse ver na rede social as fotos tomadas polos veciños en casa Florita tras o último roubo que padeceu este establecemento, o 4 de abril. As fotos foron tomadas por membros do grupo de comuneiros críticos da Portela para comparalas coa imaxe da porta do local da comunidade de montes que fora asaltado uns meses antes.
A imaxe demostra que os ladróns necesitaron recorrer á forza bruta para vencer a blindaxe dunha porta reforzada.
Reunión. Os responsables de Acebarro que onte se reuniron co alcalde decidiron transmitir a súa mensaxe de calma á saída da reunión, que durou máis de media hora e desenvolveuse no Concello pouco logo das dúas da tarde. Tamén nunha circular que difundiron por Internet informaron a todos de que a semana que vén haberá novas reunións para tratar de buscar unha vía para que lles reciba o subdelegado do Goberno.
Varios dos integrantes desta asociación foron vítimas dos roubos denunciados onte, que afectaron á práctica maioría dos establecementos do municipio. Ademais do intento frustrado de atraco a punta de pistola do pasado martes, o xoves de madrugada produciuse outro asalto na Taberna de Rei con perdas de 4.000 euros.
O PSOE culpa á redución de axentes en Caldas
José Sanmartín, do PSOE local, apuntou onte a que entre as causas do repunte de roubos pode estar a redución de efectivos no posto da Garda Civil de Caldas. “Dun tempo para aquí véñense reducindo efectivos nos cuarteis, coma no de Caldas, zona á cal pertencemos, e debido a isto as patrullas que antes se vían polo concello agora quedan practicamente reducidas á presenza de patrullas de Tráfico”, afirma. O responsable dos socialistas expresou o seu apoio ás medidas propostas polos comerciantes e á súa petición de falar co subdelegado.
