Apoio aos veciños e veciñas afectadas polas Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas

Sr. Alcalde:bng barro

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro presenta a seguinte MOCIÓN referida ao apoio aos veciños e veciñas afectadas polas Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas

 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

  1. As participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas foron comercializadas para as persoas que eran pequenas aforradoras, ocultándolles información e, na maioría dos casos, facéndolles crer que se trataba de produtos seguros, identificados coma depósitos a prazo fixo, e sen facelas partícipes dos riscos inherentes a este tipo de produtos financeiros e recuperábeis en calquera momento.
  2. A neglixente comercialización das Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas foi recoñecida pola propia entidade financeira que, a través dun proxecto repartido nas súas oficinas, facía un recoñecemento público dos seus erros, solicitando o perdón ás persoas afectadas, e comprometéndose a buscar unha solución.
  3. O certo é que estas persoas vense privadas dos seus aforros no momento en que máis necesidade teñen deles. A situación de crise que está a vvir o país está levando a que as familias afectadas, privadas dos seus aforros e, en moitos casos, con parte dos seus membros en situación de desemprego, se atopen nunha situación desesperada, que recurre dunha resposta a curto prazo que supoña un alivio para un padecemento inxusto e inxustificado. Asemade, atendendo ás xustas demandas dos afectados, entendemos que deben depurarse , no eido xudicial, as responsabilidades dos altos cargos directivos que se deriven da neglixente comercialización de Preferentes e Obrigas Subordinadas, instando aos poderes públicos a tomas as oportunas medidas pra esclarecer as responsabilidades derivadas dos actores principais do masivo engano perpetrado contra os aforradores galegos, e que devolvan as indemnizacións e paguen aos afectados.
  4. Nestes intres e, toda a vez que NGB depende integramente do FROB, máis que nunca, a solución a esta problemática é política.

Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1)    Solidarizarse cos veciños e veciñas de Barro e do resto do País afectados pola estafa das Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas

2)    Instar á Xunta de Galiza a que esixa do FROB e do Goberno español a anulación da orde que aplica quitas inxustas ás persoas afectadas por Participacións Preferentes e Obrigas subordinadas.

3)    Instar ao Banco de España, ao Ministerio de Economía, á Comisión Europea e ao FROB, á Xunta de Galiza e a NGB a que continúen resolvendo, a través da Arbitraxe de Consumo, todas as reclamacións presentadas en relación á comercialización de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas por CGB, até a resolución definitiva de todas elas e se dea contestación a todas as solicitudes presentadas.

4)    Instar ao Goberdo Español a que determine a non aplicación da Lei 9/2012 a todas as persoas afectadas pola comercialización neglixente de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas de NGB.

5)    Solicitar a gratuidade dos procesos xudiciais para todas as persoas afectadas pola neglixente comercialización de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas de NGB, que se vexan na obriga de reclamar ante os Tribunais ordinarios, así como axilizar os procesos xudiciais mediante a súa tramitación como xuizos rápidos.

6)    Intar ao Goberno español e á Xunta de Galiza a que, no ámbito das súas respetivas competencias, adopten todas as iniciativas pertinentes para a devolución inmediata dos aforros ás persoas afectadas polas Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas.

Barro a 4 de abril de 2013

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

Deixar un comentario