Sinaí Giménez, en calidade de presidente da Asociación do Pobo Xitano, pediu onte desculpas públicas ao tribunal que o pasado xoves o expulsou da sala durante a celebración dun xuízo contra o seu irmán, tras sentirse ofendido polas manifestacións que realizou un letrado da acusación particular. Sinaí pide desculpas a todo o tribunal “por molestar o desenvolvemento normal do xuízo que se estaba celebrando ata que as palabras do avogado do suposto agredido fixo cambiar radicalmente a tranquilidade do proceso”. Giménez xa pediu desculpas ao término do xuízo ao maxistrado Antonio Berengua, que presidía o tribunal e ao propio fiscal xefe, que exercía a acusación.
Engadiu, no entanto, que “a comunidade xitana está moi molesta coas declaracións do avogado do suposto agredido por xeneralizar na etnia ou o colectivo xitano con este tipo de accións de persoas concretas”. “O avogado quixo maquillar técnicamente que había que condenar a Juan Paulo (o seu irmán e acusado neste proceso) por ser xitano, xa que deu a entender que os xitanos actuamos por unha lei propia chamada ollo por ollo”, engadiu. Foi iso o que ofendeu a Sinaí Giménez e motivou a súa reacción, “xa que persoas payas cometeron delitos graves que son cometidos por persoas concretas e non pola comunidade paya”.
