O BNG ESIXE O ARRANXO INMEDIATO DA PISTA DE PARADA DESTROZADA POLAS OBRAS DO AVE, E A NOVA DE ACCESO A VALBÓN

As obras do AVE no concello de Barro afectaron a moitas infraestruturas bng barroviarias e, a pesar de que as empresas construtoras teñen obriga de repoñelas e deixalas en perfecto estado para que sigan a dar servizo aos veciños e veciñas do concello, existen neste momento dous casos que son un claro exemplo do incumprimento por parte das empresas e do ministerio de Fomento, e que denotan, ao mesmo tempo, a deixadez e falla de esixencia do goberno municipal. Estes son:

• A pista que comunica a estrada do San Amaro co lugar de Parada. Trátase dun vial que leva moitos meses intransitábel e, a pesar das reiteradas denuncias dos veciños  afectados, nin Fomento o repara nin o goberno municipal presiona para que o faga.

• A nova pista que se construíu para comunicar o lugar de Valbón coa zona da Estación da Portela. A pesar de que este vial se fixo novo, ao anular o trazado da vía o acceso existente até ese momento, a súa execución, a presa e correndo, foi unha verdadeira chapuza, limitándose a botar un pouco de aglomerado e gravilla sobre un terreo pouco firme e que non reunía as mínimas condicións para ser unha obra duradeira. Unha vez máis o goberno municipal do PP mantivo unha actitude de compricidade ou, cando menos, de silencio diante dunha execución chapuceira.

Non pasaron nin dous anos  e este vial  de nova factura  xa está desfeito, nunhas condicións lamentábeis para circular por el.

Os veciños e veciñas destes lugares non merecen ter uns accesos intransitábeis, polo que o BNG lle esixe ao goberno municipal que os defenda  e se dirixa ao ministerio de Fomento para demandar de forma inmediata o arranxo tanto da pista que dá acceso ao lugar de Parada como do vial novo que comunica Valbón coa Estación da Portela, restablecendo en boas condicións desta maneira o servizo con que contaban os veciños e veciñas do concello antes de executarse as obras do AVE.

Barro, 28 de xaneiro de 2013

Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

Estado no que se atopa a pista de parada

Algúns dos buratos que existen na nova pistn de Valbón

Deixar un comentario