As choivas apenas superaron os 20 litros por metro cadrado nas comarcas de Pontevedra e O Salnés

Dá a sensación de que durante este fin de semana caeron en Galicia inxentes cantidades de auga. Pero non foi así. Polo menos, no que ás comarcas de Arousa, Deza e Pontevedra refírese. Segundo os datos facilitados por Meteogalicia, as choivas apenas superaron os vinte litros por metro cadrado. Nin durante toda a mañá do sábado, nin durante toda a de onte. Aínda así, a cantidade foi suficiente para causar algunhas incomodidades aos veciños.

O vento foi o gran protagonista da mañá do sábado con refachos que, no Salnés, alcanzaron os 96 quilómetros hora. Unha cifra moi similar á rexistrada en zonas do Deza, como Rodeiro. En Pontevedra, en cambio, o refacho máis forte apenas superou os 40 quilómetros. Aínda que onte non soprou con forza, en Cambados voaron tézalas dun edificio situado na avenida de Vilariño. Os bombeiros encargáronse de asegurar o tellado.

No que ás choivas se refire, Arousa foi onde máis intensidade rexistraron, con doce litros, seguida de Pontevedra, nove litros. En Deza os valores apenas chegaron aos catro litros por metro cadrado. Aínda así, estas cantidades foron suficientes para causar algunhas incidencias. Vilatuxe, en Lalín, A Carixa, en Vila de Cruces, e Pontevea, na Estrada, son tres zonas nas que os ríos levaban máis auga da habitual. O mesmo sucedeu na contorna das fervenzas da Baroxa, en Barro. Alí a auga ocasionou pequenos danos na área recreativa. O nivel do Umia, en cambio, descendeu e os do club O Muíño puideron limpar os restos da inundación.

A maiores destas pequenas inundacións, o temporal tamén foi o responsable de tres accidentes de tráfico que se rexistraron en Bueu e Campo de Salcedo sen feridos. E seguiu ocasionando danos no mar. Os mariñeiros da Illa saíron onte para rescatar dúas bateas que se soltaron e ían á deriva.

barosa

Deixar un comentario