“Foron as decisións tomadas polos gobernos de Madrid, antes do PSOE e agora do PP, as que permitiron a estafa das preferentes, e, polo tanto, é ese mesmo goberno o que ten que decidir devolverlle os seus aforros ás persoas estafadas.
As medidas que se están a tomar con motivo desta crise, están a supor un roubo continuado á inmensa maioría da poboación.
O roubo de postos de traballo, o roubo da vivenda que sofren as persoas desafiuzadas, o roubo de dereitos laborais, o roubo de salarios, etc. Pero hai miles de galegos e galegas que están sofrendo ademais o roubo dos seus aforros: os afectadas pola estafa das preferentes e subordinadas.
Milleiros de galegos e galegas que vén como os seus aforros de moitos anos de traballo, en moitos caso na emigración, están nos petos dos bancos, sen que eles teñan garantías de poder recuperalos.
Por iso o BNG dende o primeiro día os está a apoiar, e a esixir que se adopten decisións políticas para que lles sexa devolto o seu diñeiro, pois tamén foron decisións políticas as que crearon unha lexislación que permitíu á banca a estafa que se lles fixo a toda esta xente.
Tamén en Barro hai moitos afectados pola estafa das preferentes. Veciños e veciñas que confiaron na caixa ou bancos onde tiñan os seus aforros e agora están atrapados por este engano. O BNG seguirá a apoialos como fixemos sempre, para que consigan recuperar os seus cartos, como é de xustiza.
