A crise económica que estamos a sofrer, estase a utilizar para
eliminar dereitos básicos, reducir servizos e empobrecer cada vez máis á inmensa maioría da xente.
As medidas que están tomando os gobernos do PP van na liña de cargar os efectos da crise nos petos dos traballadores e traballadoras, dos e das pensionistas e da pequena e mediana empresa.
Todas as medidas que se foron adoptando trouxeron consigo máis paro, maior empobrecemento da gran maioría da poboación, pero, ao mesmo tempo, maiores ganancias para as grandes fortunas e as grandes empresas.
O abaratamento do despido, a rebaixa dos salarios, a rebaixa das prestacións por desemprego, a rebaixa das pensións e aumento do paro, que medra día a día, fan que a maioría das familias visen como disminuían os seus ingresos.
Baixan os ingresos, suben os impostos
Mentres baixan os ingresos temos que facer fronte a unha forte suba da luz, dos combustíbeis, do IRPF, do IVE, da auga, dos medicamentos, etc.
Pero os veciños e veciñas de Barro ademáis de ter que soportar todas as medidas tomadas tanto polo goberno español como pola Xunta, temos que facer fronte a outra suba brutal: a dos impostos no noso concello.
Se xa no ano 2012 tivemos que pagar un 30% máis no imposto da circulación e a suba do recibo do lixo, este ano 2013 imos ter que facer fronte a unha forte suba do recibo da contribución, que se irá incrementando ano a ano até o 2020.
Barro, investimento cero
Pero se en Barro imos ser un concello de primeira á hora de pagar impostos, seguiremos a ser un concello de terceira á hora de disfrutar de servizos básicos.
Se durante todos os anos de crecemento económico, a nefasta xestión do PP foi incapaz de dotar a Barro dos servizos mínimos cos que contan os concellos limítrofes, que se pode esperar agora?
Ninguén dubida que a pesar da importante suba de impostos, os investimentos serán nulos. Unha vez máis os perxudicados seremos todos os veciños e veciñas de Barro.