“Solucionar o problema da saturación e falta de espazos no área portuaria para garantir o crecemento futuro dunhas
instalacións que, na miña opinión (e seguro que tamén na túa) constitúen un dos principais motores económicos de toda a comarca de Pontevedra”. Con este obxectivo dirixiuse onte por carta o concelleiro de Urbanismo pontevedrés, Antón Louro, ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín-Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa. Unha misiva na que o edil ofrecía “colaboración e cooperación institucional” para atopar unha ubicación para un futuro porto seco.
A recente oferta de chan industrial ás empresas vinculadas no polígono da Reigosa por parte do alcalde de Ponche Caldelas, Perfecto Rodríguez, sacou de novo á luz a urxente necesidade de dotar ao porto dun área logística para acoller novos servizos, infraestructuras empresariais e novas industrias.
Antón Louro recorda a José Benito Suárez que o Concello de Pontevedra pon a disposición da Autoridade Portuaria medio millón de metros cadrados para a construción dun porto seco, localizados en Leborei, na parroquia de Cerponzóns.
Son terreos cualificados de uso industrial no proxecto de novo PXOM e que reúnen os requisitos esixidos polos empresarios potencialmente interesados nunha ampliación do porto e que non son outros que: unha fácil conectividad ferroviaria co porto de Marín e tamén cos outros portos de interese xeral da provincia (Vigo e Vilagarcía) e boas conexións por estrada, a pié da AP-9 e cerca do macronudo viario de Curro, que abren as portas cara ao aeroporto de Vigo e cara á Meseta.
A opción Leborei, de 435.137 metros cadrados, supón “unha superficie adecuada para cubrir as necesidades de espazo inmediatas pero tamén de futuro, para acoller novas empresas”.
O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez, recoñece que a capacidade do recinto está ao límite -acolle 137 empresas- e que é necesario un porto seco para seguir crecendo pero igualmente declárase consciente de que, na actual crise, o sector privado ten limitada a súa capacidade de investimento e é reacio a acometer grandes desembolsos.
Ademais, engadía fai apenas corenta e oito horas, non atopou unha localización “idónea” para instalar a necesaria área logística.
Leborei é só una das posibilidades ofertadas no seu día, e reiterada polo Concello de Pontevedra, para acoller un futuro porto seco. Tamén desde o Concello de Marín púxose sobre a mesa dúas ofertas: monte Pituco e monte Pastoriza, colindante con Moaña. A maiores a Autoridade Portuaria sopesou a posibilidade de instalar a área logística no polígono industrial de Barro-Meis.