COMO INVESTIR CATRO MILLÓNS EN TRES ANOS?

diario_pontevedra.750

«Investir catro millóns en tres anos é case imposible para unha comunidade de montes»

—————————————————————————————–

Os millonarios de Landín O alcalde ironizaba cando dixo que el fixera millonarios. Non fixo rico a ninguén: pagáronlle á xente polo que lle quitaron» Reparto do beneficio Agora non é como en 2007, cando se lle repartiron 1.500 euros a cada comuneiro. A Xunta pon moitas trabas»

———————————————————————————————–

VÉN DE COBRAR 4,4 millóns de euros, pero non para el, senón para a Comunidade de Montes de Curro, que preside. Agora, Miguel Maquieira Cancela e o resto da directiva desta afortunada agrupación buscan as mellores fórmulas para investir estes cartos.

Acaban de recibir os 4,4 millóns que compoñen a diferenza pola expropiación dos 250.000 metros do polígono Barro-Meis. Como é o proceso despois do ingerso?

O primeiro foi ter unha reunión da xunta reitora, cos once directivos, e despois chamar ás entidades bancarias. Antes, cando nos ingresaron os dous millóns fixemos un procedemento aberto, pero agora xa sabemos a que entidades dirixirnos. Estamos á espera de ofertas. Tamén cabe a posibilidade de que compremos obrigas e letras do Tesouro, ou falemos co Banco de España. En total, co ingreso anterior e con este superamos os cinco millóns. Se nos ofrecen un 4% teriamos uns réditos en torno aos 250.000 euros anuais. Non se pode decidir á lixeira. Hai que lembrar que a nosa comunidade de montes resultou moi afectada polos lumes de 2006 e que non teremos máis ingresos de cortas en décadas por culpa diso, polo que temos que manter o capital para seguir cos servizos que ofrecemos.

Como é a fiscalidade destes ingresos da expropiación?

É moi complicada. De acordo coa lexislación hai que gastar ou investir en catro anos, e revertir un 40% no monte. Ao cobrar no 31 de decembro de 2012, un deses anos xa o perdemos. Quedan tres para facer todo o investimento e é case imposible. Non temos liberdade para investir o 60% que queda unha vez feito o gasto no monte: ten que ser obra social, servizos para os veciños e dotacións. Que ninguén se pense que podemos comprar unha nave no polígono e alugala, por exemplo. A partir do cuarto ano hai que pagar un 25% a Facenda como Imposto de Sociedades. Sería un millón de euros.

Os dous millóns que se cobraron no 2006 xa tributaron o imposto?

Non. Construímos o centro forestal, as piscinas e dotacións e temos aínda máis dun millón. Non pagamos porque levamos loitado moito por facerlle entender á Xunta que non é viable gastar así. Somos a primeira comunidade que ten aprobado un Plan Especial, no que completaremos a inversión deses cartos en desenvolver o Plan do Monte e en outras actuacións, ademais de manter os servizos xa establecidos do local social, as piscinas e demais. Tivemos que explicar que non podiamos gastar todo nese tempo e comprometernos en facer cumprir a lista de investimentos que xa foi achegada. Déronnos cinco anos máis. De todos os xeitos, non é unha tributación axeitada e leva ás comunidades á quebra.

Ten idea do que pagou a Deputación en total pola expropiación?

Non. Só sei da miña comunidade. O resto, os particulares tiñan outros 150.000 metros, só hai que multiplicar por 13 euros e sumar os intereses. Iso si, non sei como ía repartido entre os particulares.

Quedan pendentes máis recursos polo prezo do chan que leven a novos desembolsos?

Pola nosa parte, non. Si que defendiamos un prezo de 59 euros, pero xa nos indicou o gabinete que nos asesora (o de Calixto Escariz) que non hai moitas máis vías despois da casación. Creo que os particulares tampouco reclamarán.

Pensa que isto incrementará o prezo do chan do polígono?

Non ten por que. Suponse que xa tiveron en conta que isto podía pasar. Pagaron a nove euros, pediamos máis de cincuenta e quedou en 23, pola metade.

Como sentou a chegada destes millóns en Curro. Hai un ambiente como de Lotería?

Hai unha crise e agradécese. Algunha das familias está acuciada polo desemprego e demais, pero era algo esperado. Contaban con isoo e non os colleu de sorpresa.

Canto cobran os gabinetes de avogados por estes traballos?

O noso leva un 7,5% do obtido máis IVE: serán preto de 300.000 euros.

Levan uns seis anos con isto.

Dí o alcalde que grazas á súa xestión moitos son millonarios…

Dio ironicamente, con sentido do humor, pero todos sabemos que non fixo rico a ninguén. Pagáronlle á xente polo que lle quitaron. E o prezo era razoable.

Reunirase cos veciños?

Por suposto. Fareino tan pronto como estea todo perfilado, para expoñer as propostas. Lense por aí cousas sobre outras comunidades, que non actúan así, pero para nós, que levamos 14 anos na directiva, é moi importante que se cumpra coa vontade da asemblea. En febreiro, probablemente, poderá haber xa xuntanza. Antes os veciños recibirán un boletín informativo. Virá o asesor xurídico e tamén informaremos da liña de obras como a ampliación do centro social, da terraza, a posibilidade de cubrir as piscinas para usalas un par de meses máis ó ano, o proxecto de poñer herba sintética no campo de fútbol sete, e tamén a compra das parcelas no monte, que chamamos ‘tomadas’. É outra forma que temos de mellorar o monte e amplialo e, a un tempo, axudar á economía dos veciños, xa que se pagaría un prezo de mercado.

E para o futuro?

Exporase o plan de crear emprego, e as vías para facer máis rentable o monte, como o convenio para cultivar camelias para produtos cosméticos, que está pactado coa Deputación, ou outras vías de traballo que poderiamos sacar adiante se queren, como traballar coa plantación de castiñeiros.

Cando unha comunidade de montes torna millonaria, o Concello queda aliviado?

Non sei que dicir. Cada vez temos un papel máis social e ao ter cartos vanse asumindo asfaltados e outras obras que realmente lle corresponderían a outros.

«Non imos dicirlle á xente o que debe propoñer»

ANALIZAN a posibilidade de crear empregos con estes cartos?

Un dos problemas que hai en Curro, como en todas as partes, é o desemprego. Nós temos que contratar servizos para manter o Plan do Monte, pero non queremos que o faga persoal sen experiencia, que só saiba desbrozar e non podar, ou facer un rareo. Por iso pensamos nunha acción formativa no noso centro forestal para formar a veciños. Despois habería que contrartar a algúns. Non máis de cinco ou seis, porque non sería viable unha cuadrilla desas dimensións. O importante agora é saber se a Xunta nos homologará eses cursos e as instalacións. A cantidade a investir, non a sei, pode estar en torno aos 80.000 ou 100.000 euros ao ano.

Está descartado que fagan reparto de divisas como en 2007?

Nós non imos dicirlle á asemblea o que ten que propoñer, pero agora non é como en 2007, cando repartimos 1.500 euros a cada un dos 130 comuneiros. A nova lei pon impedimentos: hai que ter un investimento do 40% no monte, obra social e, se sobra, presentar un informe á Xunta, que debe dar permiso e obriga a ter un 40% de reserva con respecto ao que se reparte, e ademais hai que pagar unha elevada cantidade de impostos. É difícil fiscalmente e pouco viable en comparación con outros beneficios que si podemos ofrecer como actividades gratis, ludoteca gratis, o pago doutros servizos. Podería dotarse toda a parroquia con Internet, por exemplo, ou cubrir outras necesidades que teñen os veciños e que lles permitan aforrar a todos esas mismas cantidades na súa vida diaria sen ter tantas complicacións.

http://noticiasbarro.com/?s=COMUNIDADE+DE+CURRO

TOURIS

Deixar un comentario