
A perda de habitantes é un dos problemas que Galicia segue sen afrontar.
Ao envellecemento da poboación e á caída da natalidade súmase, en moitos casos, o retorno dos inmigrantes aos seus países de orixe e un repunte da emigración debido á crise económica. Segundo o último padrón públicado o pasado mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE), dos 315 municipios só 56 foron capaces de gañar veciños.
A revisión do padrón municipal a 1 de xaneiro do 2012 desvela que oito dos quince concellos da comarca de Pontevedra perden poboación con respecto ás cifras oficiais a 1 de xaneiro do 2011. En conxunto, son 1.190 habitantes menos, aos que hai que descontar os 531 que se gañaron entre os sete que soben.
Os concellos que sofren retrocesos nos seus censos son Caldas de Reis (52 habitantes menos), Campo Lameiro (27), Cotobade (38), Cuntis (74), A Lama (58), Marín (302), Ponte Caldelas (580) e Vilaboa (59). No polo oposto atópanse Barro (56 veciños máis), Bueu (25), Moraña (4), Poio (141), Pontevedra (284), Portas (3) e Sanxenxo (18).
Entre os municipios que ven minguado o seu padrón os casos máis significativos son os de Ponte Caldelas, Marín e Cuntis. Especialmente preocupante é a situación de Cuntis, onde a perda de 74 veciños fai que o concello baixe da barreira dos 5.000 habitantes, quedándose en 4.992. Esta circunstancia levará unha redución dos fondos que a Adminisración local recibe do Estado. O seu alcalde, Antonio Pena (PP), non tiña onte feito o cálculo, que, segundo outras fontes municipais, roldará os 80.000 euros ao ano. «Estabamos a ter unhas cen baixas por ano desde fai seis ou sete e víase vir. Por oito habitantes baixamos dos 5.000. Cuntis ten unha poboación envellecida. Só en decembro morreron dezaoito veciños e o día 31, dous», comentou. O rexedor apelou á «responsabilidade» daqueles que viven na localidade e gozan dos seus servizos, pero están empadroados noutros lugares.