“ISTO É RAP FEITO EN PONTEVEDRA” (CURRO)

 

e venres

ESTE PROXECTO NACE DUNHA ‘COUSA’ QUE NON É GRUPO. SON UN CONXUNTO DE AMIGOS QUE SE XUNTARON PARA GRAVAR DEZ CANCIÓNS BAIXO O NOME ‘THE BODY OF THE LITO’. O PROMOTOR DA IDEA É 43, QUE CREOU AS MÚSICAS DE TODOS OS TEMAS COA AXUDA DE TRES ARTISTAS: BLEIS, MA

Gonzalo Luna é 43, o impulsor deste novo proxecto con sabor a rap que en pouco tempo verá a luz. O disco financiarase mediante unha campaña de crowdfounding, que se abrirá ao público en http://www.verkami. antes de que finalice o ano.

Hai unha semana presentou o seu proxecto ‘ The Body of the Lito’ na sala Karma. Como foi a acollida?

-A acollida foi boa, e iso que a xente aínda non escoitou o disco. Esperabámonos algo máis de frialdade. A nós non nos esperaba ninguén, porque non aparecía no cartel a nosa presenza. Estivemos media hora tocando. Este foi só un adianto, xa que a presentación real será o 16 de febreiro na sala Karma.

Os membros de Delahoja tamén son pontevedreses. Que ten esta cidade para criar tantos artistas de rap?

-Eles xa levan currando case 15 anos. Hai unha pequena escena de hip hop pero non creo que haxa ningún outro motivo ademais da casualidade. Se eu vivise noutro lugar tamén faría hiphop.Pero está ben que en Pontevedra haxa xente que fai cousas.

É o seu primeiro traballo ou xa tivo outros proxectos?

-Eu nunca me plantexei a música como un medio de vida. Participei nalgún proxecto musical, fixen autoproducións, tiradas curtas. Tamén colaborei en discos a outro nivel. Pero este é o máis profesional que fixen ata o de agora. Vai saír unha tirada de CD físicos, algo que hoxe en día é toda unha aventura.

The Body of the Lito é unha frase en inglés pero semella ter un dobre sentido: ‘O corpo do delito’. É así?

-Si, claro. O corpo do delito é un concepto da criminoloxía. Deste xeito busquei a universalidade recorrendo ao inglés á vez que caemos na broma de Lito, que é un mote moi galego. A intención era facer a broma. Ademais, o feito de que Rei Zentolo fixera o deseño podía darlle moito xogo ao nome do disco. Eles sempre adoitan facer xogos de palabras e neste caso quedaba moi do seu estilo. Eu admiro moito a este grupo de emprendedores porque fan algo distinto e con graza.

Utiliza como financiamento o crowdfounding, aínda así é dificil despegar?

-Si, o día que arranque vouno saber. A cantidade que eu creo que teño que conseguir son 1.500 euros e creo que podo xuntalos. Estamos esforzándonos coa promoción, temos un vídeo con Manquiña que anima a colaborar á xente… Logo se consigo 500 euros terei que fastidiarme, pero os discos vou fabricalos igual. Trato de buscar 100 ou 200 persoas que me garantan poder venderlles o disco. Obviamente, en función do que acheguen haberá outros regalos, como unha entrada á presentación do proxecto na sala Karma ou o sorteo dunha cea con Manuel Manquiña, que tamén colabora no disco cun tema. Son atractivos que chaman a atención á xente. Para min ten que haber un soporte físico que poder tocar, un formato mp3 nun ordenador é moi triste, e máis se hai un deseño de Rei Zentolo que se queda nunha simple imaxe na pantalla.

O disco ten dez cancións, de que falan?

-De todo, son temas para todos os públicos. Sáese dos estereotipos e os clichés rapeiros, non é que queira fuxir do rap americano pero eu vivo en Pontevedra e falo do que me afecta a min, de que non hai traballo, das dificultades de vivir en parella, incluso hai un tema adicado ás nais.É rap feito en Pontevedra.

Canto tempo leva preparando este proxecto?

-O primeiro arreglo que fixemos foi no 2010, así que dous anos.

Aínda que estea comezando xa ten o apoio de persoas destacadas no panorama artístico como Lsebe de Delahoja ou Manuel Manquiña. Como conseguíu estas colaboracións?

-A Lsebe xa o coñecía de antes, propúxenlle colaborar cun tema adicado ás nais, ‘Mamá’, e aceptou. Manuel Manquiña foi unha idea porque tiña moito gancho. Nun principio contactamos os co seu representante, pero ao falar con el en persoa xa foi todo sobre rodas. El interpreta o tema de Airbag, e a verdade é que quedou moi ben.Ademais, tamén contei coa colaboración de Mariah, Iván Sousa e Bleis. Eles son os que máis me axudaron e puxeron a voz en todas as cancións, ademais de moitas das letras.

curro

Deixar un comentario