Crowdfunding, ou como ser un mecenas low cost en plena crise

diario de arousa

Son tempos difíciles, tamén para a industria discográfica, e máis para aqueles artistas que intentan facerse un oco ou crecer no panorama musical. Así que, a grandes males, grandes remedios.

Un mozo de Curro, Gonzalo Lúa, decidiu probar unha nova forma de sacar adiante un proxecto, practicamente pioneira na zona, aínda que está comezando a calar no mundo da cultura. Trátase do chamado crowdfunding, un palabro anglosaxón que bautiza o que podería resumirse en mecenado de baixo custo. En síntese, trátase de presentar un proxecto, no seu caso un CD de hip hop, no que calquera pode colaborar no seu financiamento, a partir de cantidades tan módicas como 12 euros.

A través dun portal de Internet, cada navegante web pode seleccionar o proxecto cultural no que desexa colaborar, elixir a cantidade que desexa doar (hai quen marca ata mínimos dun euro) e converterse así nun auténtico promotor da cultura moderna, un mecenas low cost.

No caso do mozo de Curro, o título deste proxecto musical é “The Body of the Lito”, un CD de hip hop “non ao uso”, declara, que comercializa baixo o seu nome artístico, “43”. “43” conta xa cunha traxectoria no xénero e no mundo da música, aínda que este é o seu proxecto máis ambicioso.

El mesmo produciu nun estudo profesional de Pontevedra os dez temas incluídos no proxecto que, con percusións contundentes e baixos ao uso, falan de temas como o amor, o diñeiro ou a tecnoloxía, no característico e directa linguaxe do xénero.

Esta produción, explica, saíu integramente do seu peto. “O traballo está feito, pero actualmente non hai ningunha discográfica coa que sacar CDs físicos”. E dado o empeño posto no traballo, ter discos na man ­”máis aló da difusión on-line” é algo ao que non quere renunciar.

Por iso é polo que optase polo crowdfunding. Calquera que queira comprar un CD poderá introducir o seu título na web http://www.verkami.com tras o seu lanzamento. Alí terá oportunidade de elixir con canto quere colaborar. Os beneficios que obterá cada cal pola súa achega increméntanse co capital investido, pero, como mínimo, cada un recibirá un disco, algúns agasallos e a satisfacción de ver o seu nome na relación de produtores do traballo no libro do disco.

gonzalo

Deixar un comentario