A Garda Civil de Tráfico detivo na tarde do xoves a un home que circulou durante 15 quilómetros en sentido contrario
pola Autovía do Salnés. Trátase dun veciño de Pontevedra, de 60 anos, que tiña o carné de conducir retirado por sentenza xudicial e que no momento do seu arresto estaba baixo os efectos do alcohol.
A detención produciuse no quilómetro 1 da Autovía do Salnés, no término municipal de Barro, polo que o home prestou declaración durante a mañá de onte no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Caldas de Reis.
O xuíz ditaminou a súa posta en liberdade con cargos e o decomiso do coche co que cometeu os presuntos delitos contra a seguridade vial. O asunto segue agora a tramitación xudicial por vía ordinaria.
A Garda Civil recibiu o primeiro aviso de que había un coche circulando en sentido contrario pola Autovía do Salnés ás 18,30 horas do xoves. Nese momento o condutor circulaba en dirección a Pontevedra, pero pola plataforma correspondente ao sentido de Sanxenxo, e crese que entrou polo enlace de Meaño.
Os axentes do subsector de Tráfico de Pontevedra recibiron indicacións de que o vehículo infractor era un automóbil de alta gama, un Daimler Chrysler – 270 CDI, e mobilizáronse patrúllalas para intentar interceptar ao condutor.
Así o conseguiron cando o coche xa estaba chegando ao nó de Curro. Procedeuse entón á súa detención -era o único ocupante do vehículo-, e resultou ser un veciño de Pontevedra de 60 anos con iniciais B.V.G.
