MOCIÓN referente á utilización de locais municipais para parte de entidades sociais.

Sr. Alcalde:

O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do grupo municipal do BNG no concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente á utilización de locais municipais para parte de entidades sociais.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

No concello de Barro existe un déficit histórico de locais onde os veciños e as entidades sociais poidan realizar as súas actividades nun espazo axeitado.

É por iso que as poucas instalacións coas que conta o Concello de Barro deben aproveitarse ao máximo, procurando que dean servizo ás necesidades de espazos que teñen os distintos colectivos e entidades sociais.

Un dos locais cos que conta o noso concello é a nave da Escola-Taller, que está pechada todo o ano, agás momentos puntuais para algún tipo de acto ou como local de información das concentracións parcelarias. Ese uso puntual sería perfectamente compatíbel con que polas noites se utilizase como local de ensaio, nomeadamente por parte do Grupo de Danzas Amor Ruibal e da Banda Xuvenil de Barro, pois ambas as dúas entidades están a utilizar na actualidade uns locais que non reunen as condicións necesarias para levar a cabo os seus ensaios.

Ademais da Escola-Taller existe un local anexo ao Pazo da Crega, que se ten utilizado en momentos puntuais por parte do Concello, estando o resto do ano pechado. Trátase dun local pequeno que podería servir para ser usado por entidades que precisen un local para reunións ou actividades.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Barro acorda aprobar a seguinte

MOCIÓN:

1. Poñer a nave da Escola-Taller a disposición do Grupo de Danzas Amor Ruibal e a Banda Xuvenil de Barro para que poidan utilizala de forma habitual para os seus ensaios, distribuíndo os días de uso e facendo compatíbel coas actividades que nela precise levar a cabo o Concello.

2. Habilitar o local anexo ao Pazo da Crega e poñelo a disposición das entidades sociais para as súas reunións ou para a realización de actividades públicas.

Barro a 22 de novembro de 2012.

Xosé Manuel Fernández Abraldes

Deixar un comentario