Os furanchos terán que estar inscritos no rexistro vitivinícola e só abrirán tres meses ao ano

Xunta publicou un decreto para regular os furanchos que obrigará a estes locais, tamén coñecidos como loureiros, a cumprir normas legais, fiscais e hixiénicas coas que se pretende pór fin á competencia desleal que exercían sobre os restaurantes legalmente establecidos.

Só poderán operar os furanchos que estean dados de alta no rexistro vitivinícola de Galicia. É dicir, os que teñan plantacións de viño. O presidente en funcións da Xunta,Alberto Núñez Feijoo, recorda que estes locais foron tradicionalmente puntos de venda de excedentes de viño de colleita propia nos que se servía tamén comida pero unicamente para acompañar a venda do viño, de aí a obrigatoriedade de estar inscritos no rexistro.

Tamén por iso non se poderá servir viño embotellado, unicamente o procedente directamente do barril da colleita, e en cada furancho só se poderán servir cinco tipos distintos de tapas seleccionadas dunha listaxe única.

A nova normativa que creou a Xunta establece que os furanchos só poderán abrir tres meses ao ano e dentro do período comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de xuño, polo que non poderán facelo nos meses de verán. Tamén deberán cumprir as normas hixiénicas que a lexislación establece para a elaboración e distribución de comidas preparadas, así como prohibir fumar nos establecementos. No aspecto administrativo, deberán exhibir na porta unha rama de loureiro que os identifique, contar con follas de reclamacións e emitir facturas, das que deberán dar copia aos clientes se llas solicitan. Ademais deberán estar inscritos nos rexistros municipais que cada concello deberá crear.

En opinión de Feijoo, esta nova normativa protexe a tradición dos furanchos, «pero tamén evita que se produza unha competencia desleal co sector da hostelería».

Deixar un comentario