ACTO PÚBLICO DO BNG EN BARRO

O BNG ten unha traxectoria de oposición coherente e contundente, tanto nas mobilizacións sociais como nas institucións, ás políticas ditadas polas elites económicas que executan a Unión Europea, os gobernos españois (antes do PSOE e agora do PP) e a Xunta de Galiza. Están aplicando un programa incesante de recortes nas conquistas e dereitos económicos e sociais, para  destinar inxentes cantidades de recursos públicos ao beneficio privado:

Róubase ao pobo para salvar e rescatar á banca privada da crise financieira que provocaron.

 
O PP ten dous obxectivos claros: centralizar máis o Estado español e destruir o malparado estado do benestar. Para concentrar o poder económico precisan concentrar o poder político. Para aplicar o programa dos mercados precisan reducir a cinzas a democracia e a soberanía. Avanzan cara un Estado que nega soberanía ás nacións e aos cidadáns para cederlla aos que mandan en Europa.
Nin Feijoo nin Rajoy din o que van facer despois do 21 de outubro. Seguirán impoñendo máis sacrificios, como lles ordenan os grandes centros de poder económico e financeiro.
Feijoo foi o peor Presidente co peor goberno da historia de Galiza. Galiza está hoxe peor que hai 3 anos e medio: menos autogoberno, menos benestar e menos democracia.
 
O BNG solicita o apoio das galegas e dos galegos nestas eleccións para facerlles frente
a estas políticas. Non é o momento dunha alternancia política para que todo siga igual.
Galiza precisa unha alternativa real, un cambio profundo de políticas e non só de políticos.
O BNG é a única opción nacionalista e popular de verdade. O apoio ao BNG servirá para que Galiza exista e pese no Estado e que as clases populares galegas estean defendidas.
O BNG é unha forza nacionalista que defende o autogoberno e os intereses de Galiza sen ter que chamar a ninguén a Madrid; o BNG é unha forza política de esquerda que defende os intereses da maioría social, a xustiza e a distribución da riqueza, os servizos públicos universais e gratuítos, e os dereitos e as políticas sociais.
É preciso dar máis forza ao BNG.
 
Para explicar as nosas propostas O BNG celebrará o vindeiro xoves 11 de outubro, ás 20:30 horas na Biblioteca Pública de Barro  un acto público, coa participación de Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do BNG no concello de Barro e Luís Bará Torres, candidato do BNG na provincia de Pontevedra.

Deixar un comentario