Setembro, coincidindo coa finalización das campañas estivais de turismo e
comercio e co período vacacional nas administracións pública, deixa en Pontevedra e na súa comarca como ronsel un incremento do paro que sitúa en 8.164 o número de desempregados na capital, e eleva a 19.049 o do conxunto da comarca. Falamos dunha comarca integrada por catorce municipios: ademais da cidade do Lérez, os de Poio, Sanxenxo, Barro, Marín, Vilaboa, Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Campo Lameiro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas.
En termos absolutos son 130, en Pontevedra e 503, na comarca, os traballadores expulsados do mercado laboral no último mes, segundo os datos facilitados polo Servizo Público de Emprego.
O sector servizos (nas súas distintas modalidades) pero tamén a construción son os principais “celeiros” de parados da comarca pontevedresa, na que con todo o emprego industrial e o xerado polos chamados servizos empresariais mantense máis ou menos estable, a tenor da escasa oscilación do número de demandantes de emprego inscritos nas oficinas públicas baixo estes epígrafes.
O perfil máis repetido entre as persoas que tentan acceder ou reintegrarse ao mundo do traballo en Pontevedra é o dunha muller, maior de 25 anos -maioritariamente na trintena- e con experiencia laboral de varios anos, que busca unha oportunidade no amplo abanico profesional do sector terciario. Situacións idénticas rexístranse noutros concellos da comarca como Marín, Poio ou Ponte Caldelas.
Con todo este perfil moi acusado na capital da provincia dilúese en distintos concellos da comarca onde a distinción por xénero esváese ou se decanta claramente polos homes como ocorre en Caldas, Cuntis, Barro ou Vilaboa.
