C. GARCÍA – PONTEVEDRA Un veciño de Pontevedra de 50 anos de idade,
que responde as iniciais F. J. B. V., faleceu onte tras sufrir un aparatoso accidente de tráfico no lugar de Mane, no concello de Barro, na estrada PO-226 que une este municipio co de Moraña.
O sinistro produciuse por causas que se están investigando ao redor das 21 horas, segundo indicaron fontes de Tráfico, ao chocar frontolateralmente dous vehículos no quilómetro 9.200 deste viario. A vítima mortal viaxaba nun vehículo Peugeot e faleceu case no acto a consecuencia do violento impacto. O coche contra o que chocou foi un Ford Mondeo que conducía unha muller. Ao parecer, o accidente deixou a outras dúas persoas feridas que tiveron que ser evacuadas en ambulancias do 061 a centros hospitalarios de Pontevedra.
Un terceiro coche viuse implicado no sinistro aínda que con escasos danos, segundo indicaron os bombeiros desprazados ao lugar do sinistro.
Debido ao forte impacto o corpo sen vida deste veciño de Pontevedra quedou atrapado no interior do vehículo. Unha vez que os servizos médicos certificaron o seu falecemento, foi necesaria a intervención dun equipo de excarceración dos bombeiros do Salnés para liberalo.
Como consecuencia do accidente, a estrada entre Barro e Moraña permaneceu cortada ao tráfico para que puidesen traballar os equipos de rescate e emerxencia. Sobre o once da noite o tráfico quedou totalmente restablecido, na zona, segundo distintas fontes.
Ao lugar do accidente desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico así como a unidade de excarceración dos bombeiros do Salnés con base en Ribadumia, membros de Protección Civil e varias ambulancias do 061.
Media hora máis tarde producíase un novo accidente de tráfico, nesta ocasión sen feridos, na AP-9 ao seu paso por Caldas de Reis.
