Hernández deixa para o próximo Goberno a execución da autovía de Vilagarcía a Curro

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, declarou onte en Vilagarcía que o proxecto de trazado para a futura autovía que unirá esta cidade con Pontevedra, a través de Curro, está completo e todos os trámites listos para que o próximo Goberno da Xunta de Galicia execute as obras.
Hernández argumentou que as partidas previstas para a primeira fase da obra da autovía foron destinadas ás actuacións necesarias para corrixir e completar o trazado do macronudo de comunicacións de Curro.
Segundo explicou o titular de Medio Ambiente, o proxecto do gran nó de Curro que deixou o anterior Goberno da Xunta adoecía de certas deficiencias de trazado, xa que non contemplaba, entre outras cuestións, as ligazóns coas futuras autovías de Vilagarcía e a A-57 cara a Pontevedra. Ademais o entroncamento coa autoestrada AP-9 presentaba algúns problemas que debían resolverse sobre a marcha.
Agustín Hernández agradeceu o papel xogado polo delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, na xestión dos terreos necesarios para a acometida das correccións de trazado do macronudo que, en definitiva, conta con case 15 quilómetros de vía. Agora espera que, nin ben exista financiamento para novas obras, o próximo Goberno da Xunta decida impulsar a obra da demandada autovía de Vilagarcía.

Deixar un comentario