O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou durante a mañá de onte a parroquia de Curro, en Barro, para comprobar os avances das obras de execución da rotonda que se vai a instalar na estrada PO-531.
O delegado territorial da Xunta inspeccionou xunto aos veciños o desenvolvemento dos traballos e aproveitou para escoitar as diferentes peticións de melloras. Neste sentido, o portavoz da Plataforma de Afectados pola reforma da estrada PO-531, Manuel Corredoira, solicitou que se executase o saneamento e as beirarrúas entre a igrexa de Curro e o cruzamento da Portela, petición que foi secundada polo alcalde de Barro. Igualmente, tamén manifestou o desexo de que se mellore o camiño que enlaza coa zona superior.
Cores Tourís tomou nota das demandas veciñais e asegurou que serán estudadas tecnicamente para comprobar a súa viabilidade.
As obras consistirán na execución dunha rotonda na estrada PO-531, no punto quilométrico 10+200, que contará cunhas dimensións de 6,75 metros de radio interior e 14,75 de radio exterior. Para unha correcta execución destes traballos, estenderase unha capa de mestura bituminosa en quente, constituiranse illotes físicos de separación e unha sinalización tanto horizontal como vertical.
O delegado territorial da Xunta estivo acompañado polo alcalde da localidade, José Antonio Landín Eirín, e xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luís Díez, o director de obra, Ricardo López Escapa, así como por diversos representantes veciñais e da empresa Covsa, compañía encargada das obras.
Unha vez finalizado o macronudo de Curro, a Xunta realizou un estudo para mellorar a intersección da devandita estrada e garantise a seguridade viaria dos vehículos que acceden desde os polígonos de Barro e Meis pola antiga á actual PO-531 en Curro.
Concentración parcelaria en Agudelo-Barro-Valiñas
Na súa visita a Barro, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, aproveitou para comprobar os avances das obras da concentración parcelaria de Agudelo- Barro-Valiñas. Concretamente, están a desenvolverse tres actuacións: Agudelo-Barro-Valiñas, Curro-Portela e Perdecanai-Barro. Nas obras da primeira destas parcelas, Cores Tourís comprobou os traballos de acondicionamento consistentes na realización de ramplas de entrada ás leiras, mellora na capa de rodaxe e reposición do regadío.

