Detidos dous ladróns de pezas de maquinaria de obras públicas

A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra detivo a M.C.G., e a A.D.C., ambos os dous de 22 anos de idade e veciños de Meis, como presuntos autores de tres delitos de furto de botellas hidráulicas de máquinas estendedoras.

No marco dos labores de investigación que realiza a Garda Civil, detectouse o furto de varias pezas en maquinaria de obra pública en distintas localidades da provincia, polo que a Unidade Orgánica de Policía Xudicial (UOPJ) da Comandancia de Pontevedra iniciou unha investigación para a localización das pezas subtraídas e detención dos autores.

As pescudas deron como resultado a detención das dúas persoas e a recuperación de doce botellas hidráulicas, nove delas en poder dun dos detidos, unha vendida e recuperada en Ferrol e dúas vendidas e recuperadas en Granada.

Os feitos que deron lugar á investigación aconteceron en Sanxenxo 1 de abril e en Barro o 26 de xullo cando, supostamente, os detidos subtraeron 14 botellas hidráulicas a tres máquinas estendedoras VO Guelle, valorados nuns 20.000 euros.

Os autores das subtraccións ofertaban e vendían as pezas furtadas a través dunha páxina de Internet onde anunciaban a dispoñibilidade destas. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de garda e Instrución de Cambados.

Deixar un comentario