A Xunta para as protestas ao anunciar a instalación dunha rotonda en Curro

A Xunta informou onte que iniciará as obras para remodelar a intersección da estrada PO-531 co macronó de Curro no municipio de Barro. A Consellería de Medio que teñen previsto volver instalar unha pequena rotonda e que concluirán aproximadamente en tres semanas, segundo a Administración autonómica. O delegado da Xunta en Pontevedra, Cores Tourís expoñerá esta mañá o proxecto aos veciños que manifestaran a súa protesta pola retirada da rotonda provisional.
Segundo a Xunta, unha vez finalizado o macronó de Curro, realizouse un estudo para mellorar a intersección da devandita estrada que levou consigo a realizar un novo deseño que garantise a seguridade vial dos vehículos que acceden dende os polígonos de Barro e Meis pola antiga á actual PO-531 en Curro, xunto á igrexa parroquial.
As obras consistirán na execución dunha rotonda na estrada PO-531, no punto quilométrico 10 +200, que contará cunhas dimensións de 6,75 metros de raio interior e 14,75 de raio exterior. Para unha correcta execución destes traballos, estenderase unha capa de mestura bituminosa en quente, constituiranse illotes físicos de separación e unha sinalización tanto horizontal coma vertical.
“Pola nosa seguridade vial”
A pesar deste anuncio, os concelleiros do PSOE José Sanmartín Soto e Margarita Canay manteñen a concentración que convocaran para hoxe no cruzamento da Igrexa de Curro, a partir das 21.00 horas para “defender e mellorar a nosa seguridade”, segundo informou onte o propio Sanmartín.
“Xa o prometeron outras veces e ao final non o cumpriron. Ata que non vexamos que se están a facer as cousas ben non imos cesar as nosas reivindicacións”, recoñeceu.
Este acto ten como única intención “facer forza” para que a rotonda sexa instalada finalmente. En ningún caso “se cortará o tráfico nin se creará problemas aos vehículos”, informaban os convocantes.
Tamén o BNG de Barro se suma á petición e “esixe a inmediata reposición da rotonda provisional”, xa que “dende que foi suprimida, cada cruzamento dun vehículo, sen falar xa dos peóns, se converte nunha manobra de risco máximo. A elevada velocidade de paso, así como a confusa sinalización, fan que esta intersección sexa moi perigosa”. O BNG esixe unha solución definitiva a este cruzamento “tan perigoso”.

Deixar un comentario