Os comuneiros denuncian que os donos de gando incumpren a lei de pastoreo

As Mancomunidades de Montes de Pontevedra denuncia que un mes despois da publicación do decreto da Xunta sobre o gando equino, os propietarios de cabalos soltos seguen incumprindo a lei, tanto no que se refire ao pastoreo como no uso de “pexas” ou trancas. O colectivo de comuneiros lembra que as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos equinos entrou en vigor o pasado 7 de xullo e segundo o mesmo, os propietarios deste tipo de explotación de gando equino deben inscribirse nun rexistro oficial e presentar autorización expresa de pastoreo cando se realice en terreos forestais.
Segundo aseguran os comuneiros isto non se cumpre na maior parte dos casos. A entrada en vigor deste decreto tamén aconsella ás comunidades de montes a revisar cal é a súa situación no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, xa que será determinante para regular a presenza de gando nos terreos.
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra insta as administracións a velar polo cumprimento deste decreto, para “pór fin á situación de abuso que se está producindo por parte dos donos de animais respecto ao monte veciñal e tamén dos bens e colleitas de particulares”.
Ordenación do monte
Esta agrupación de comunidades de montes denuncia ademais que constatou a situación ilegal da maioría do gando solto nos montes, así como a presenza de cabalos con trancas, “unha mostra máis de que unha boa parte dos donos deste gando está á marxe da lei”.
Por outra banda, esta Mancomunidade está a traballar na revisión do proxecto de ordenación dos montes veciñais en Pontevedra, co apoio do Concello. Expresan ademais a súa disposición a negociar os aproveitamentos do monte en beneficio de ambas as partes, “pero todo parece indicar que a maioría deles prefire manter o seu gando en situación irregular”, critican.
Antes da entrada en vigor do decreto, as comunidades de montes de Pontevedra expresaran o seu malestar pola actitude da Consellería de Medio Rural de dar “a calada por resposta” ás súas queixas sobre a proliferación de gando que pasta libremente por esas zonas, esnaquizando as repoboacións de especies forestais. Os comuneiros tamén denuncian o “deixamento” dos propietarios destes animais que carecen de rexistro. Neste sentido presentaron varios informes ante a Dirección Xeral de Montes e a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para evidenciar a presenza de cabalos e vacas que chegaron a comer e romper o 80% das árbores plantadas.
Rexistro obrigatorio de explotacións equinas
Os comuneiros lembran que a inscrición dunha explotación equina no rexistro da Xunta é agora obrigatoria, co que o solicitante debe presentar autorización expresa de pastoreo cando se trate de terreos forestais e que debe declarar, e por tanto recoñecer, cal é a entidade propietaria os pastos.
Para os comuneiros, a negativa dos propietarios de cabalos salvaxes da comarca a colocar un identificador electrónico ás reses é unha “escusa” para manter o seu gando en terras que non lles pertence sen ningunha lei que lles obrigue a facerse responsables dos danos que os animais poidan producir.
As comunidades de montes avogan porque a actividade realícese de forma ordenada e cos animais saneados, identificados e autorizados polas comunidades. Lembran neste sentido que os montes veciñais non están en mans “nin de intereses económico, nin de intereses especulativos, nin dos intereses da agrupación de gandeiros, senón dos veciños comuneiros, a quen corresponde a súa xestión”.

Deixar un comentario