Tras varios anos de obras interminables, o macronudo de Curro, situado
dacabalo entre os municipios de Barro e Meis, abriuse onte ao tráfico, provocando máis confusión que cando estaba en obras pola deficiente sinalización que existe nalgúns puntos.
O lugar onde se xeraron a maior parte dos problemas foi á altura da igrexa parroquial de Curro, onde se rexistraron varios accidentes, de carácter leve, desde que se abriu o novo viario á circulación. Non en balde, os vehículos procedentes de Vilagarcía, por onde se circulaba mentres se construía o macronudo, deben facer un stop e cruzar dous carrís e un illote na que conflúen varias saídas.
A sinalización nalgúns puntos non só é limitada, senón que pode chegar a inducir a erro aos condutores, algo que xa pasaba con anterioridade, cando era demasiado frecuente atoparse na gran rotonda construída sobre o acceso á autoestrada a máis dun vehículo no sentido contrario da marcha.
A iso hai que engadir que un importante número de vehículos procedentes de Pontevedra realizaban o mesmo trazado polo que se estivo circulando nos últimos anos ao descoñecer que se abría o macronudo.
Así as cousas, un grupo de veciños de Curro mobilizáronse na mañá de onte en protesta pola eliminación da rotonda provisional situada nas proximidades da igrexa. A esta protesta uníronse o BNG e o PSOE ao entender que coa eliminación deste illote provócase ” un gran perigo para a seguridade viaria. Os veciños aseguran que se produciron desde a noite do pasado venres varios accidentes neste lugar que une a desviación para o macronudo e a PO-531. O portavoz veciñal manifestou onte que se puxo en contacto co alcalde de Barro e coa Consellería de Medio Ambiente para que se solucione este problema.
Tourís visita a zona e ordena manter os sinais de obra
Por mor das protestas veciñais, e tras os accidentes que se produciron nas últimas horas, o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luís Díez, trasladáronse onte a Curro e reuníronse co presidente da asociación de veciños, Manuel Corredoira, e co da comunidade de montes.
Estes comunicaron a Tourís que, tal e como quedou a obra, a condución por esa zona é moi perigosa, e o delegado da Xunta de Galicia ofreceu unha solución provisional, que é instalar na contorna sinalización de obra para que os vehículos reduzan a velocidade.
A Xunta explica que se trata dunha medida provisional “para evitar que se repita a situación que se deu hoxe (por onte)”. Os veciños reclaman historicamente unha rotonda nese punto para garantir a seguridade na circulación, e máis agora que se espera máis tráfico.
