Estrea con polémica. A posta en servizo da totalidade de ramais do nó de Curro
, en Barro, por parte da Xunta provocou onte a indignación veciñal. A supresión da rotonda provisional que había preto da igrexa motivou as queixas da parroquia, que se centran no perigo que entraña para os condutores o deseño do cruzamento. O portavoz da plataforma da PO-531, Manuel Corredoira, solicitou pola mañá ao delegado territorial da Xunta, Cores Tourís, unha alternativa inmediata: «Ten que solucionar o problema hoxe [por onte]. Estamos asustados porque isto é gravísimo. Xa houbo algún accidente e ogallá non haxa que lamentar unha morte». O portavoz dos veciños admitiu que os ánimos están quentes. «Eu estou a favor do diálogo, pero a xente xa quería tocar a rebato na parroquia e incluso cortar a estrada», dixo. Tourís desprazouse á zona pola tarde para escoitar as queixas e ordenou instalar unha sinalización provisional.
Pola súa banda, o BNG esixiu que se respecte o proxecto orixinal do nó pactado con partidos e veciños, mentres que o PSOE anunciou, a través da deputada Carmen Cajide e o edil José Sanmartín, a presentación dunha iniciativa parlamentaria.

