Meis inicia a recuperación do terreo do polígono expropiado polo macronó

A.MARTÍNEZ – MEIS. O alcalde de Meis, José Luis Pérez, iniciou os trámites para recuperar a titularidade dos terreos de San Lourenzo de Nogueira onde se ía construír a parte de Meis do polígono industrial de Barro-Meis, pero que posteriormente quedou inutilizada pola construción do macronó de Curro.
O rexedor indicou que se puxeron en marcha os trámites, se ben polo momento tampouco sabe exactamente como se fará. “Vamos a optar pola fórmula administrativa que sexa máis sinxela porque os veciños afectados polo nó xa cobraron”, explica José Luis Pérez.
Meis contaba inicialmente con preto de medio millón de metros cadrados para o polígono industrial, situados principalmente en terreos da comunidade de montes de San Lourenzo de Nogueira, pero tras as obras do macronó de Curro quédanlles uns 200.000.
O que si avanza José Luis Pérez é que non vai xestionar a consecución de novos terreos porque “por agora chegan os que temos e ademais está aí ao lado o polígono de Barro”. En canto ao proxecto de instalación dunha planta de produción de enerxía eléctrica con biomasa forestal en San Lourenzo, indica que polo momento non se produciron novidades.

Preme aqui para seguer lendo esta nova.

Deixar un comentario