A progresiva caída dos ingresos propios e das transferencias de Xunta e Estado
colocaron nunha situación límite a concellos como o dos Blancos, que mesmo chegou a anunciar en maio que non podía pagar a nómina dos seus traballadores. Pero xa en 2009, cando a crise só empezara a golpear, as contas de moitos municipios arroxaban cifras alarmantes. Así o revela o último informe do Consello de Contas, que tras someter a fiscalización os ingresos e gastos das entidades locais durante ese exercicio conclúe que 71 delas presentan datos “indicativos de nula solvencia e liquidez”. Dezaseis deles atópanse na provincia de Pontevedra, entre eles Vilagarcía, Oia, Nigrán,Barro,Portas e, no primeiro posto, Moaña.
Para chegar a este diagnóstico, o ente fiscalizador analiza a viabilidade financeira dos municipios en base ao aforro neto e o remanente de tesourería. No primeiro caso, detecta 69 que pecharon o exercicio en negativo, o que significa que os seus ingresos correntes (impostos, taxas municipais, transferencias do Estado…) foron insuficientes para cubrir tanto gastos diarios como amortizacións de débeda.
A incapacidade para aforrar destes concellos é preocupante pero non tanto como a dos 71 que acabaron 2009 cun remanente de tesourería negativo. Segundo o informe presentado onte en Santiago polo conselleiro maior, Luciano Fariña, estas entidades quedáronse sen recursos para poder responder ante o que deben, xa que a súa tesourería (o diñeiro do que poden dispor) pechou o ano en negativo, “indicativo da nula solvencia e liquidez da entidade local”. “Deberían adoptar medidas para garantir a sustentabilidade dos seus gastos correntes sen necesidade de acudir a mecanismos excepcionais de financiamento”, aconsella. Nos casos máis graves como os de Moaña e Carral (os dous concellos que lideran o ranking) a situación chega ao extremo de que os ingresos que rexistraron durante 2009 igualan practicamente a cifra que deben, o que fai insustentable equilibrar as contas.
