A. BLASCO / J. PÉREZ – VIGO Os que collan a autoestrada para regresar á súa casa tras gozar das vacacións do mes de
xullo ou os que teñan pensado facelo no mes de agosto atoparanse cunha desagradable sorpresa a partir de mañá: as peaxes subirán nun 7,5%. Sumado ao 3,2% de media que ascenderon pola revisión anual en xaneiro e o 3% do incremento do IVE previsto para setembro, nun só ano as tarifas dispararanse en case un 14%.
A medida aplicouse con gran sixilo. No Real Decreto 20/2012 “de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade”, aprobado o pasado 13 de xullo, o Goberno introduciu un parágrafo no que derroga de forma expresa o pago anual ás concesionarias das autoestradas dun 7% dos seus beneficios co que lles compensaba pola perda de ingresos que lles supuña a baixada das tarifas (no mesmo porcentaxe) pactada en 1999 e recollida no Real Decreto de Medidas Urxentes de Liberalización e Incremento da Competencia.
“Esta compensación, prevista fai máis dunha década, atopou a súa xustificación en circunstancias impositivas que hoxe variaron, polo que non se xustifica a súa permanencia”, especifica o texto publicado hai dúas semanas.
O Ministerio de Fomento deu onte o seu visto e prace á orde pola que se aproba o incremento das tarifas e así llo comunicou aos concesionarios das autoestradas, que o aplicarán xa a partir de mañá.
En concreto, a empresa Audasa, que xestiona a Autoestrada do Atlántico, publicou onte na súa páxina web os novos prezos por tramos que deberán abonar os condutores desde a media noite de hoxe.
Aínda que a subida é do 7,5%, o redondeo eleva aínda máis esta porcentaxe nalgúns casos. Un dos máis flagrantes é o que grava os 36 quilómetros que separan a Vigo e Tui, onde o ascenso alcanza o 9% ao pasar de 2,20 a 2,40 euros.
Viaxar desde Vigo ata A Coruña ao volante dun turismo suporá, a partir de agora, un euro máis en peaxes (14,35 euros), mentres que desprazarse ata Santiago de Compostela será 60 céntimos máis caro (8,45 euros). Cada un dos 22 quilómetros que distancian á cidade olívica da do Lérez subirá máis dun céntimo (en total, o tramo pasa de 3,15 a 3,40 céntimos).
Este espectacular encarecemento das tarifas das autoestradas –que roldará o 14% con tres incrementos nun período de nove meses–, prodúcese despois de dous anos nos que se mantiveron case conxeladas. Tras aumentar en preto dun 4,46% en 2009, o Ministerio de Fomento mantivo estáticas a taxa en 2010 debido á caída do IPC e do tráfico medio da concesión –os dous valores que a Administración ten en conta para a revisión das tarifas–. Ao exercicio seguinte, elevounas só un 1,4%, a pesar de que o IPC anual –ao peche de novembro de 2010– era do 2,3%. A subida que o Goberno de Mariano Rajoy decidiu fixar en xaneiro deste para as peaxes da Autoestrada do Atlántico, xa é maior: un 3,2%. Esta porcentaxe está unhas décimas por encima da inflación anual, que ao peche de novembro situábase no 2,9%. Ademais, a intensidade do tráfico que soportou a AP-9 ao seu paso pola ponte de Rande foi moito menor. De feito, o tránsito da AP-9 esborrallouse no últimos cinco anos nun 24%. Se en 2007 usaban este viario unha media de 27.029 vehículos ao día, na actualidade fano 20.667. O maior descenso da última década produciuse entre 2010 e 2011, cando caeu un 6,4%. É de esperar que a forte escalada dos prezos das peaxes dea continuidade a esta tendencia.
http://www.audasa.es/Tarifas_E.htm



