Barro entre os concellos da comarca que recibirá parte dos 850.000 euros para mellorar infraestruturas no rural

O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, acompañado por José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta, e Antonio Crespo, director xeral de desenvolvemento rural, reuníronse onte na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra para asinar os convenios do Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) cos alcaldes dos municipios beneficiarios. En total vanse a executar melloras en viarias por valor de 3,2 millóns de euros en 47 concellos da provincia, 850.000 euros nos 14 concellos da comarca. O obxectivo principal deste plan é realizar as obras necesarias para mellorar a calidade de vida da poboación e reducir as deficiencias que aínda persisten nalgunhas zonas de Galicia.
O PEIM rural inclúe proxectos financiados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e polo Ministerio de Agricultura e o convenio establece que a Xunta realizará actuacións de infraestrutura rural, mentres que o Ministerio financiará obras para camiños agrícolas e pistas rurais. Cabe destacar que esta parte do plan complementa á que a Xunta executou o pasado ano.

O municipio de Pontevedra recibiu 89.900 euros, o que contrasta co de Marín que tan só recibiu 18.000, ou o de Poio que percibiu 22.000. Tamén municipios como A Lama, con 89.400 euros; Cotobade, con 88.900 ó Cuntis, con 71.900, destacan pola contía das achegas. O resto de concellos recibiron cantidades máis discretas como Campo Lameiro, 68.700; Moraña, 66.300; Caldas de Reis, 66.200; Vilaboa, 60.600; Barro, 55.400; Portas, 53.000, Ponte Caldelas, 52.250 e Sanxenxo con 48.400 euros.
Tras a reunión, o secretario Tomás Fernández-Couto compareceu ante a prensa para explicar cales son os criterios seguidos para a concesión dos fondos. Os principais requisitos son o número de habitantes, as dimensións do municipio e a dispersión da poboación.
O alcalde de Pontevedra tamén atendeu aos medios de comunicación e mostrou o seu descontento co método empregado pola Xunta de Galicia para repartir os fondos. Lores afirmou que o método que empregan para “debe ser tipo a boleo ou á pallota”, defendendo que o método debería ser máis equitativo.
En referencia ao uso dos fondos concedidos, Lores dixo que se ían a empregar para construír unha vía alternativa á estrada que unha Figueirido con Marín, á altura do Campo dá Porta.

Deixar un comentario