A Xunta está a traballar no proxecto de trazado da Variante de Alba, que estará listo antes de que remate o ano

Pontevedra, 18 de xuño de 2012.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, mantivo esta mañá en Pontevedra unha reunión con representantes veciñais para informarlles dos avances na mellora da estrada PO-531 (Pontevedra-Baión).

A Consellería está a traballar nos proxectos dos dous tramos nos que se actuará. Así, o treito entre o PK 4+600 e 9+850, que deseña a mellora da PO-531 entre Alba e Curro, terá aprobado o seu proxecto construtivo antes de finais de ano.

Polo que se refire ao tramo entre os PK 0+500 e 4+600 (saída de Pontevedra ata a conexión coa PO-225 a Alba), no que se inclúe ademais a variante de Alba, Hernández sinalou que está previsto dispoñer do proxecto de trazado tamén antes de que remate o presente 2012.

A actuación coñecida como variante de Alba, levarase a cabo ao longo de 850 metros e complementa a mellora da capacidade da PO-531 entre Pontevedra e Curro, que se transformará nunha vía urbana co obxectivo de compatibilizar o tráfico coa actividade existente na súa marxe.

http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/1250/xunta-esta-traballar-proxecto-trazado-variante-alba-que-estara-listo-antes-que

Deixar un comentario