Unha vertedura de peixe e graxas animais ao longo de varios quilómetros, procedente dun camión que circulaba pola PO-531 entre Pontevedra e
Vilagarcía, provocou na mañá de onte dous accidentes de circulación, sen lesionados graves, e obrigou a extremar a precaución pola zona e limpar a calzada. Un dos accidentes rexistrouse pouco despois das nove da mañá, cando unha condutora perdeu o control do seu vehículo e acabou chocando contra unha columna da marquesiña dunha estación de servizo do municipio de Barro.
Todo apunta a que a muller perdeu o control do seu coche a causa da calzada escorregadiza debido á presenza da vertedura, que ademais deixou un profundo olor a peixe na zona, segundo indicaron testemuñas presenciais. Estas mesmas fontes apuntaron que a mancha podería ter máis de dous quilómetros e de feito foi necesaria a intervención de equipos de mantemento de Estradas para limpar o carril afectado. Protección Civil de Barro informou despois doutra saída de vía. Mentres tanto, efectivos da Garda Civil e de Protección Civil foron mobilizados para alertar os demais condutores do perigo.
