O PP aproba en solitario un orzamento para a Deputación de 152 millóns

B. MÁRQUEZ – PONTEVEDRA O resultado estaba escrito de antemán. O pleno da Deputación de Pontevedra deu onte luz verde, cos votos do PP en solitario, á aprobación inicial do orzamento da institución para este ano. Un orzamento que ascende a 152,7 millóns de euros, 15,7 millóns máis (11,4%) que o de 2011.
BNG e PSdeG-PSOE votaron en contra da proposta, despois de que os deputados populares tombasen todas as emendas presentadas polo grupo nacionalista, as cales tampouco obtiveron o respaldo dos socialistas que optaron, neste caso, pola abstención.
Foi o vicepresidente económico José Manuel Figueroa o encargado de presentar e defender o proxecto orzamentario ao que definiu como unha perfecta combinación de “austeridade e compromiso co crecemento”. Neste contexto citou expresamente a aposta polos emprendedores que se queiran instalar no polígono industrial de Barro-Meis que promove a Deputación aos que se destinará unha partida de 150.000 euros.
O portavoz popular recalcou que eran unhas contas “realistas e previsoras” e sobre todo “orientadas cara aos cidadáns”.
Asímismo entre os valores que puxo sobre a mesa destacou a diminución en 4,6 millóns de euros do capítulo de persoal e sobre todo a reserva de 52 millóns para investimentos realizados nos concellos e o compromiso e a vontade política de chegar, nun prazo de seis anos, a un nivel de débeda cero na Deputación.
José Manuel Figueroa aproveitou a súa intervención para animar aos grupos da oposición (BNG e PSOE) a achegar ideas para “buscar a mellor fórmula para disolver os actuais organismos autónomos e integralos na Deputación”.
Valoración da oposición
César Mosquera e Santos Héctor Rodríguez –portavoces provinciais do BNG e PSdeG-PSOE– coincidiron en criticar o pouco tempo que tiveron para analizar o proxecto orzamentario pois lles entregaron a documentación “incompleta e confusa” catro días antes do seu debate no pleno.
O nacionalista César Mosquera puxo en cuestión a anunciada austeridade xa que “os gastos correntes (capítulo II e IV) increméntanse e mentres recomendan aos concellos recortar a política de cheques (transferencias correntes) aumenta a súa dispoñibilidade”.
Tamén cuestionou abertamente o obxectivo de débeda cero en seis anos xa que con, as cifras achegadas polo propio goberno provincial, “a amortización da débeda acabará no 2022” e ademais os ingresos da institución, inusualmente altos este ano, caerán nos exercicios sucesivos pola previsible caída do diñeiro do Estado e pola obrigación de reintegrar as liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009.
O portavoz nacionalista acusou o goberno de Rafael Louzán de “encartarse aos designios de Madrid”. Unha acusación que avalou coa serie histórica dos orzamentos da Deputación: “cando goberna o PP en Madrid recortan e cando non, tiran do crédito. Só hai que ver as contas do período 1996-2004 (goberno de Aznar) e as que nos presentan hoxe”.
Igualmente puxo en cuestión o plan de investimentos nos concellos. “Non hai transferencias aos concellos senón actuacións directas da Deputación” o que, Mosquera Lorenzo, considera unha usurpación das competencias municipais. “É unha proposta revolucionaria” ironizou “xa que expoñen a eliminación dos concellos, total xa están os investimentos que fai a Xunta, as da Deputación… para que mantelos?”.
Aínda a pesar destas críticas, que aumentaron á hora de falar da supresión dos organismos autónomos, “se queren elaborar un plan de racionalización da Deputación estamos dispostos a colaborar”, ofreceu o portavoz do BNG.
Pola súa banda Rodríguez Díaz, en nome do grupo socialista, bota de menos nos orzamentos presentados un compromiso “real” co emprego e neste sentido lamentou que non se valorou a moción presentada para elaborar un plan director de emprego. Ademais, do mesmo xeito que o portavoz nacionalista, criticou que “se queiran facer os investimentos nos concellos desde aquí”.
O vicepresidente provincial José Manuel Figueroa tachou de “decepcionantes” as críticas expostas pola oposición e recalcou que “o importante é que as obras e os investimentos cheguen aos concellos, ao cidadán dálle igual quen as faga”.
O futuro dos organismos autónomos agrea o debate
Optimizar recursos e gañar en eficiencia ou intento de ter todo baixo un control absoluto? A disxuntiva planeou sobre a agre polémica suscitada no pleno da Deputación ao redor da proposta de supresión dos organismos autónomos e a súa integración na estrutura da institución.
A desaparición dos citados organismos, “que non das súas marcas”, será unha realidade o 1 de xaneiro de 2013 polo que o goberno provincial ten por diante seis meses para articular a integración desexada. Onte o vicepresidente provincial José Manuel Figueroa pedía á oposición (PSOE e BNG) a súa colaboración para levar este proxecto a bo porto.
Os organismos a suprimir son o ORAL (organismo de recadación da administración local), o Museo Provincial, a Escola de Canteiros, a Escola de Enfermería, o Ipespo (instituto de promoción de só industrial) e a Caixa de Anticipos.
Figueroa insistiu na necesidade de “avanzar” e “optimizar” os recursos públicos e de racionalizar os gastos. Mosquera Lorenzo, rexeitou de plano estas bondades e sostivo que detrás desta medida está o ánimo de ter todo baixo control.
O portavoz nacionalista utilizou o caso do Museo para exemplificar a súa oposición. “Creado en 1927, sempre foi uns organismos autónomo e nunca creou problemas”. É esta “certa autonomía o problema” , apuntou e por iso e para desautorizar ao seu director nomeáronse dous “superiores”: un director de xestión e unha administrativa que estarían a dirixir a modo de comisarios políticos e sen criterios profesionais o Museo.
“Sotto voce fálase de volver á funcionalidade orixinal e aí enténdese que os miliarios, señalizadores de rutas e distancias, quéiranse levar ás rotondas; os dólmenes, monumentos funerarios, aos cemiterios e a prensa, aínda a de 1923 aos bares…” relatou, non sen sarcasmo, Mosquera quen tamén tivo diseccionó a situación doutros organismos.

Deixar un comentario