Pontevedra tramita o achado de dez restos arqueolóxicos inéditos

Pontevedra está situada nunha comarca moi rica an xacementos arqueolóxicos. Só no que se refire a arte rupestre ao aire libre, calcúlase que en contorna da capital provincial -desde Cotobade ata A Lama, pasando por Campo Lameiro, Marín, Ponte Caldelas, Barro ou Poio- alberga aproximadamente o 60 % dos vestixios que se conservan en toda a Península Ibérica.

O propio municipio da capital non é unha excepción, e conta con nada menos que 85 elementos arqueolóxicos catalogados no inventario oficial da Xunta de Galicia. Pero se pensa que «posiblemente hai moitos máis», segundo indicou onte o concelleiro responsable de Patrimonio Cultural, Luis Bará.

Este destacou que só nos últimos meses comunicáronse no Concello nada menos que dez novos descubrimentos neste campo. Bará non quixo concretar moito máis, xa que os restos teñen que pasar un complexo proceso para certificar a súa autenticidade. O Concello recolle o aviso do achado -na súa maior parte procede de comunidades de montes- e trasládao á Xunta de Galicia. Son os técnicos da Consellería de Cultura quen teñen que certificar que os restos merecen ser incluídos no catálogo patrimonial e optar, polo tanto, a algún tipo de protección.

Bará apenas explicou que se localizaron vestixios inéditos en parroquias como Mourente, Salcedo, Campañó ou Lourizán, e que entre os achados hai petróglifos, mámoas, e incluso o que poden ser os restos dunha torre defensiva medieval, localizada na ladeira do monte Castrove.

Bará, que onte presentaba o Plan de Patrimonio Cultural das parroquias do rural pontevedrés, destacou que esta insólita fervenza de avisos de achados «revela un cambio de actitude da sociedade en relación ao patrimonio cultural. Ata hai ben pouco se pensaba que este tipo de cousas soamente lle interesaban aos expertos; agora, xa existe unha implicación de moita máis xente».

Outro exemplo que citou neste mesmo sentido é un escrito do CEIP Carballeira, en Lourizán, que solicitou ao Concello a restauración duns petróglifos localizados no interior do recinto escolar.

Precisamente, fomentar a posta en valor de todos os elementos que forman parte do patrimonio cultural é un dos obxectivos primordiais do plan presentado onte polo Concello, que terá unha vixencia de cinco anos e para o que Bará pretende «movilizar recursos técnicos, materiais e económicos contando con distintas institucións, programas europeos e, incluso, a implicación das entidades sociais que poden achegar outro tipo de colaboracións que non sexan diñeiro».

O plan inclúe varias áreas de traballo: o desenvolvemento dunha liña estratéxica común e de actuacións en zonas concretas; a catalogación e proxección do patrimonio cultural; a súa conservación e restauración; sensibilización e divulgación; e, para rematar, promover un aproveitamento socioeconómico, xa que Bará defende «a necesidade de que todo este patrimonio supoña un retorno económico para o municipio ao incrementar as visitas; e ao tempo aumente o orgullo e a autoestima».

http://www.asociacionbarosa.org/patrimonioarqueoloxico.htm

Deixar un comentario