Pontevedra, a cidade galega con menos bens da Igrexa con 42 inmobles taxados en 4,3 millóns

As posesións inmobiliarias da Igrexa no municipio de Pontevedra son 42, taxadas pola Dirección Xeral do Catastro en menos de 4,3 millóns de euros, o que sitúa á capital do Lérez como a cidade de Galicia con menos patrimonio eclesiástico, moi lonxe das 111 posesións catalogadas polo Catastro en Vigo e Lugo ou as 76 de Santiago. De feito, Pontevedra aparece mesmo por detrás, en valoración, de municipios como Sada e Mondoñedo. Todos estes bens están exentos do pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI), ao igual que sucede cos edificios dalgunhas ONG, os sanitarios, montes comunais e centros docentes.
Varios municipios españois, entre eles Zaragoza, Zamora, Palencia ou Salamanca, anunciaron a súa intención de estudar o posible cobramento deste imposto á Igrexa, malia que o goberno central xa avanzou que non modificará o acordo coa Santa Sé asinado en 1979 e que formaliza esa exención. O goberno local pontevedrés xa descartou por completo esa posibilidade ao entender que “a lexislación o impide de calquera xeito”. O concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo, admitiu que o asunto ” chegou a sopesarse tras coñecer as intencións doutros concellos”, pero “é imposible de aplicarse. O edil sinala que “exploramos todas as vías que permitan incrementar os ingresos municipais” e pon como exemplo ordenanzas novidosas, como as que gravan aos bancos por ter caixeiros autonómicos na rúa ou ás empresas de telefonía móbil polo uso de espazo radioeléctrico local. Non obstante, no caso da Igrexa, non haberá cambios.

O patrimonio relixioso en Pontevedra inclúe “xoias” como a basílica de Santa María, o convento de San Francisco, o Mosteiro de Lérez ou o complexo das Clarisas, todos eles bens protexidos, ademais de numerosas igrexas parroquiais e reitorais. Non obstante, boa parte das demais cidades contan con sedes catedralicias, que elevan o valor catastral.
Nos 14 municipios da bisbarra, o número de inmobles contabilizados polo Catastro é de 268, o que supón o 20% do total (máis de 1.350). Non obstante, o seu valor catastral, de pouco máis de 17 millóns de euros en conxunto só significa o 16% dos 105,3 millóns de toda a provincia. ao respecto, cabe destacar que só en Vigo en patrimonio relixioso está valorado en 46 millóns de euros, dez veces máis que en Pontevedra. Iso si, a cidade do Lérez é a segunda da provincia, pero moi lonxe non só de Vigo senón tamén de Lugo (111 inmobles por 27,5 millóns), Ourense (78, valorados en case 42 millóns) Santiago (76, por 92 millóns), A Coruña (65, por 20,8) e Ferrol (52, por 9,1 millóns).
Sanxenxo é o segundo municipio da bisbarra con máis alta valoración (tres millóns para os seus 22 edificios), mentres que en Poio se chega a 2,2 millóns e en Marín se superan lixeiramente os dous millóns de euros. Menos de 200.000 euros acumula o patrimonio relixioso en Barro, Campo Lameiro e Portas.
Non existe ningunha estimación aproximada do que supoñería para as entidades locais que a Igrexa tributase polos 7.644 inmobles que segundo a Dirección Xeral do Catastro constan ao seu nome en toda Galicia cun valor estimado de 469,2 millóns de euros que se reparten do seguinte xeito por provincias: A Coruña €205 millones€, Pontevedra €105€, Lugo €92€ e Ourense €66€.

A exención do IBI baséase nos Acordos Económicos entre o Estado español e a Santa Sé do ano 1979 e figuran en Lei de Mecenado 49/2002 que o Ministerio de Xustiza descartou modificar. O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, referiuse a este asunto hai uns días asegurando que a non obrigatoriedade á que se acolle a Igrexa “non” é ningún privilexio”, pois da normativa estatal tamén se benefician edificios públicos, os inmobles doutras confesións relixiosas, os pertencentes a gobernos estranxeiros, a Cruz Vermella, colexios concertados ou os terreos ocupados polas liñas de ferrocarrís. Advertiu ademais que revogar o acordo afectaría á axuda que prestan a entidades como Cáritas.

Un valor catastral medio de 102.000 euros por edificio
O prezo medio de cada ben na cidade sitúase en 102.000 euros, por debaixo dos 205.000 que se alcanzan en Poio, con só 11 bens, pero onde a presenza do Mosteiro de San Juan eleva a taxa. Ademais, son rechamantes os datos da Lama, un dos municipios menos poboados da bisbarra pero onde o Catastro contabiliza o censo máis alto dos 14 municipios do ámbito de Pontevedra, con 44 inmobles, máis que na capital e o dobre, por exemplo, que Sanxenxo. Cotobade conta con 27 inmobles e ponte Caldelas con 24, mentres que Marín ten 21. Campo Lameiro e Vilaboa pechan a lista con cinco inmobles en cada caso.

Deixar un comentario