Os comuneiros alertan de que os montes do Salnés e Pontevedra son unha “polvoreira”

Maleza que leva anos sen cortar e miles de brotes de eucalipto, xurdidos tras a devastadora vaga de incendios de 2006, forman unha masa de vexetación tan compacta en gran parte da serra de Ou Castrove que os comuneiros están convencidos de que un só lume podería arrasar boa parte da montaña se non se colle a tempo.
A agrupación de comunidades de montes en man común de Ou Castrove celebrou a última hora da tarde do venres unha asemblea en Armenteira (Meis), á que acudiron representantes de 14 comunidades de municipios do Salnés e Pontevedra. A orde do día contiña numerosos asuntos, e tamén se falou da situación do bosque agora que se achega o verán. Neste sentido, o presidente da Mancomunidade do Castrove, Claudio Quintillán (Combarro, Poio) sostén que a situación é máis que delicada debido á densidade da vexetación.
“Hai un excedente de biomasa tan grande despois dos incendios de 2006, e tanta maleza, que un só incendio, con calor e vento, pode propagarse rapidamente”, afirma. “Creo que este ano o problema non será tanto o número de incendios forestais, como a súa extensión”.
O presidente dos comuneiros de Ou Castrove explica que hai tanta vexetación porque “o mantemento do monte é moi caro”, o que obriga ás comunidades a espaciar no tempo as rozas e limpezas, e porque as subvencións da Xunta de Galicia ou se reducen ou non se conceden coa celeridade necesaria. Neste sentido, Quintillán explica que este ano se convocaron dúas liñas de axudas. A primeira saíu en xaneiro, para rareos e tratamentos silvícolas, pero a día de hoxe a Xunta aínda non as resolveu, polo que as comunidades non saben a que aterse. A segunda convocouse fai apenas quince días, pero segundo Quintillán parece máis pensada para comarcas interiores de Galicia, con moito monte raso, que para os bosques arboledos predominantes no Salnés e Pontevedra.
“Esta segunda axuda é para habilitar puntos de auga, que nós en principio xa temos, e para realizar rozas nas marxes das pistas forestais. O problema aí é que piden unha limpeza de catro metros de ancho, e en Ou Castrove hai moitas árbores nesa delimitación”. Por iso, non cre que sexan moitas as comunidades do Salnés e Pontevedra que pidan esta segunda subvención.
Quintillán expón que para reducir o risco sería bo realizar devasa, eliminar bolsas de vexetación escollidas estratexicamente, e mellorar a coordinación entre os medios de extinción que ten a Xunta e os dos concellos, xa que a miúdo estes teñen materiais que están infrautilizados. Tamén lamenta que ninguén consultase coas comunidades para facer os plans de prevención de Distrito e municipais.
“Total opacidade” no proxecto da planta de biomasa
Outro dos asuntos que se abordou na asemblea do venres en Armenteira foi o proxecto de planta de biomasa que a empresa Montelimpo e a Xunta de Galicia queren instalar en Meis. Estaban representantes da comunidade de montes de San Lourenzo, que reiteraron a súa “oposición total e absoluta” a acoller a industria na súa parroquia mentres non lles ofrezan datos máis concretos.
Neste sentido, os socios da Mancomunidade presentes na asemblea expresaron o seu convencemento de que a planta “é interesante”, pero entenden que aínda é necesario “dar moitos pasos antes”. Neste sentido, Quintillán asume que en efecto a información que chegou aos comuneiros é moi escasa e que dese modo é difícil tomar partido.
Por iso, na asemblea acordouse formar unha comisión de seguimento do proxecto, que agora solicitará reunións coas administracións implicadas, incluso o concello de Meis, e coa propia empresa promotora. A planta de biomasa produciría enerxía eléctrica mediante a combustión de madeira e vexetación.

Deixar un comentario