A Xunta asegura que a extinción do incendio da nave de Barro foi correcta

 

A Xunta de Galicia saíu onte ao paso das manifestacións realizadas polo concelleiro do Concello de Pontevedra, César Mosquera, para “precisar e deixar claro que a actuación dos equipos de emerxencias na loita contra o incendio dunha nave industrial en Curro (Barro)” o pasado 28 de marzo “foi correcta e en todo momento existiu coordinación entre os numerosos medios que participaron no operativo”. Ademais, engaden que se cumpriron “os protocolos que marcan a pauta de actuación neste tipo de sinistros”. Mosquera cualificou estes días o dispositivo como “desastre” por unha suposta “falta de coordinación”. Cabe lembrar que como consecuencia do incendio faleceu un traballador da nave de Comercial Vilanova e outro cinco resultaron feridos. Outras dúas necesitaron asistencia médica.
Desde a Xunta aseguran que os bombeiros chegaron “con celeridade” ao lugar e que se foron sumando efectivos á loita contra o lume ata “compor un voluminoso operativo coordinado polo xefe de bombeiros do parque do Salnés, tal e como establece o protocolo”. “Os bombeiros levaron a cabo con celeridade e eficacia o seu labor, a pesar da dificultade no acceso á zona”, recalcan estas fontes oficiais do goberno galego. Na extinción do incendio participaron efectivos dos parques do Morrazo, O Salnés (Ribadumia e Vilagarcía), Silleda e do Porriño, todos cos seus respectivos vehículos. A isto hai que sumar os membros de Protección Civil de distintas localidades da provincia que empregaron camións motobomba. A Garda Civil, a Policía Autonómica e efectivos da Axencia Galega de Emerxencias completaron o dispositivo.
Participación da capital
Desde a Xunta recalcan que tamén “participaron na extinción do lume efectivos dos bombeiros de Pontevedra, que foron os primeiros en solicitar abandonar o lugar antes de que as chamas estivesen extinguidas e, de feito, nin controladas por completo”. “Neste sentido, a Xunta lamenta que fose necesario efectuar unha chamada telefónica aos responsables do Concello de Pontevedra para que mantivesen ao equipo desprazado na zona ata que se dese por controlado o lume, xa que a coordinación e a colaboración son fundamentais para facer fronte a este tipo de sucesos”, afirman desde o executivo autonómico.
A Xunta, que asegura “defender a profesionalidade e o bo facer dos bombeiros” , engade que a loita contra os incendios e a resposta ante as emerxencias “é un exemplo de servizo eficaz e coordinado no que colaboran as distintas administracións independentemente da súa cor política como queda patente nos consorcios de bombeiros” nos que participan Xunta, Deputación e Concellos.

Deixar un comentario