Un futbolista enfróntase a 2 anos de cárcere por unha agresión nun partido

Do banco dun campo de fútbol ao banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra. Este é o camiño que percorrerá un futbolista dun club de veteranos da comarca, o San Antoniño de Barro, por unha agresión que protagonizou sobre o terreo de xogo. O fiscal solicita unha pena de dous anos e tres meses de prisión para este xogador por un delito de lesións con deformidade. Asegura que lle propinou unha patada na boca ao porteiro do equipo rival que provocou que a meta perdese dúas pezas dentarias.
Ocorreu o 30 de maio de maio de 2009 no campo de fútbol de Cobas, en Tenorio. Ese sábado disputábase un encontro do Grupo 5 da liga de Veteranos de Pontevedra que enfrontaba ao equipo local co San Antoniño. Asegura o fiscal que, como consecuencia dun lance do xogo produciuse un enfrontamento entre J. L. S., de 52 anos e porteiro do Tenorio, e un xogador do equipo visitante.
Saíu do banco
Foi nese momento, explica no seu escrito de acusación o Ministerio Público, cando o acusado L. A. V. M, xogador do San Antoniño que se atopaba no banco dos suplentes, dirixiuse cara ao porteiro e “movido pola intención de causarlle un menoscabo na súa integridade física, propinoulle unha patada na boca cando J. L. S. atopábase no chan”.
Quitáronlle dous dentes
Como consecuencia da agresión, o porteiro do Tenorio sufriu unha ferida inciso contusa no maxilar superior e fractura do incisivo central superior esquerdo, así como mobilidade no catro incisivos superiores. Engade o fiscal que a vítima da agresión necesitou asistencia facultativa por un estomatólogo que procedeu a extraer as dúas pezas dentais superiores centrais por resultar inviables.
O xuízo por esta suposta agresión celebrarase o vindeiro martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Curiosamente, a hemeroteca recolle que aquel partido terminou con vitoria do equipo visitante, no que militaba o presunto agresor, por dous goles a un.

Solicita unha indemnización para a vítima de 8.075 euros
Tras extraer as dúas pezas dentarias que o porteiro do Tenorio perdeu por mor da patada que supostamente recibiu do acusado, os médicos tiveron que substituír ambos os incisivos por dous implantes. Esta operación tivo un custo de 6.495 euros, segundo o escrito da acusación pública.
Desta forma, o fiscal, ademais dos dous anos e tres meses de prisión polo delito de lesións con deformidade, solicita que o acusado abone ao porteiro que supostamente foi obxecto desta agresión unha indemnización por valor de 8.075 euros.
Custo da operación
Esta compensación sería de 210 euros polos días que tardou en curarse o xogador do Tenorio das feridas sufridas, outros 1.370 euros polas secuelas e finalmente os 6.495 que tivo o custo da operación cirúrxica para implantarlle os dous dentes que perdeu por mor da suposta agresión.

Deixar un comentario