Polémica na Deputación pola actuación dos bombeiros no incendio da nave de Barro

A actuación dos efectivos de extinción durante a explosión e posterior incendio da nave de Comercial Vilanova, no municipio de Barro, e no que resultou falecido un operario de 33 anos de idade, Juan Ogando Ruibal, foi cuestionada onte desde o grupo provincial do BNG. As críticas dos nacionalistas foron postas de manifesto no transcurso do pleno que a institución provincial celebraba onte e no que se debatía a disolución do Consorcio contra incendios da comarca do Morrazo e a súa integración no Consorcio Provincial.
O portavoz do BNG, César Mosquera, demandou ao presidente Louzán que esixa “unha maior profesionalidade e formación a estes parques para evitar que se repitan situacións como a vivida esta semana na fábrica de portas”. Mosquera cualificou a actuación dos bombeiros como “un atentado contra todas as normas e protocolos de actuación” e citou como exemplo o “permitir a presenza de persoas ao redor”, sinalando que “se chega a ocorrer o que era previsible podería haber máis desgrazas”. Louzán, pola súa banda, agradeceu a Mosquera o comentario aínda que puntualizou que o municipio de Barro non está dentro do Consorcio nin do seu ámbito de actuación. Aínda así, sinalou a necesidade de “darlle cobertura”.
Louzán, que estivo presente no lugar do suceso durante o incendio, asegurou que os primeiros en chegar “foron os bombeiros do Salnés, despois os do municipio de Pontevedra e a continuación fóronse sumando efectivos dos distintos parques da Deputación”. Engadiu que “cando chegaron os de Pontevedra, como hai de cando en vez colisións desde o punto de vista do ámbito persoal, dixeron que aquí ou levamos nós a xestión, ou se non, non actuamos, segundo a información que teño eu, que estaba presente”. Ao final destacou que, a pesar destas “colisións”, imperou o “sentido común”. Os veciños da zona tamén criticaron a tardanza na chegada das ambulancias do 061 ao lugar. Os bombeiros do Salnés tiveron que regresar onte á nave a sufocar un pequeno rebrote sen consecuencias.
Por outra banda, continúan hospitalizados catro traballadores feridos neste accidente. Os dous con lesións máis graves –J. C. F. S. en Povisa e F. C. P. , no Chuac– seguen “estables” dentro da gravidade.

Deixar un comentario