Dous dos feridos no incendio dunha nave en Barro seguen moi graves e tres xa recibiron o alta

Os veciños do lugar de Curro, en Barro, seguen pendentes da evolución de dúas do sete feridos o mércores no incendio que afectou á fábrica de madeiras “Comercial Vilanova” e que deixa ademais o tráxico balance dun operario falecido, Juan Ogando Ruibal, de 33 anos e veciño de Moraña, quen será enterrado hoxe. E é que dous dos traballadores feridos, J. C. F.S., de 41 anos de idade; e F. C. P., de 45, permanecen hospitalizados en estado moi grave. O primeiro atópase na UCI do Hospital Povisa de Vigo, sofre queimaduras de segundo grao e ten fracturadas as dúas pernas. A maiores presenta síntoma inhalatorio por respirar fume. O segundo, F. C. P., está hospitalizado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e presenta queimaduras de terceiro grao no dez por cento do seu corpo, sobre todo na cara e nas mans, así como intoxicación por fume. Aínda que o seu estado é moi grave, a súa situación é estable.
Outros dous feridos no incendio continúan hospitalizados en Pontevedra e Ourense aínda que en mellor estado que os seus compañeiros. En Montecelo permanece en planta J. C. P. de 46 anos quen se atopa estable. Na cidade da Burgas seguía onte en observación A. T. C., de 37 anos, pendente da evolución dunha contusión torácica que presentaba, aínda que non se descartaba que puidese recibir o alta ao longo da xornada.
Os facultativos do CHOP xa deron de alta a outro traballador ferido, de 49 anos, así como o dono da empresa e á súa filla que tiveron que ser ingresados e recibir asistencia médica ao sufrir senllas crises de ansiedade a consecuencia da traxedia.
Por outra banda, os bombeiros do Salnés continuaban onte tarde, máis de 24 horas despois de que se iniciase o incendio tras unha explosión, realizando labores de extinción na nave afectada. A gran cantidade de combustible que hai na nave (principalmente palés de madeira) fai que sexa necesaria unha vixilancia constante. Tras horas de traballo intenso, un grupo dos bombeiros relevou á quenda anterior e seguiu sufocando os rescoldos e os rebrotes tras remover parte do cascallo cunha escavadora. Con todo, aseguraron que “xa non hai perigo” para as vivendas adxacentes. O lume deixa graves danos na nave cuxa estrutura se viu afectada seriamente polo lume e as altas temperaturas. “A metade do tellado da nave veu abaixo”, explican os bombeiros, e no interior acumúlase unha inxente cantidade de material e maquinaria calcinada, ademais de camións e turismos que foron pasto das chamas.
A Policía Xudicial da Garda Civil tamén visitou as instalacións para tentar aclarar as causas do incendio. Polo momento todo o que se sabe achega da orixe do sinistro son os testemuños dos propios traballadores que centran o inicio do lume na explosión dunha caldeira. “Escoitei un enorme estalido e de súpeto todo se cubriu dunha gran fumareda negra”, explicaban o mércores algunhas testemuñas do sinistro a FARO.
O falecemento de Juan Ogando causou un fondo pesar en Barro e en Moraña. Foron moitos os amigos que deixaron palabras de agarimo e recoñecemento nas redes sociais para un auténtico apaixonado do mundo do motor e as motos.

Deixar un comentario