Un falecido e polo menos catro feridos graves nun incendio nunha carpintería de Barro

Unha persoa falecida e polo menos catro feridas graves é o balance provisional do incendio declarado na tarde deste mércores na fábrica “Portas Vilanova”, no municipio de Barro. Segundo os datos facilitados polo 112, ás 15.33 horas un particular chamou ao servizo de urxencias para avisar dun incendio nunha fábrica de carpintería comercial situada no lugar de Bretoña, na parroquia de Curro.

Familiares das vítimas deste incendio atópanse nun alpendre próximo á fábrica con evidentes síntomas de nerviosismo, mentres persoal dos servizos sanitarios e dos bombeiros de diferentes municipios próximos continúan realizando os labores de extinción do lume. Por encima da fábrica afectada polo lume pasa unha liña de alta tensión, polo que se advertiu do suceso a Unión Eléctrica Fenosa para que tome as medidas que correspondan.

O alcalde, José Landín, declarou que dous dos catro feridos graves, que foron evacuados en helicóptero de Urxencias a Coruña e a Ourense, atópanse nun estado peor que os outros dous atendidos e levados en ambulancia a outros centros sanitarios máis próximos.

O falecido, segundo informaron os seus compañeiros, é un traballador duns 30 anos, veciño de Moraña. Ademais, segundo as citadas fontes, dúas dos feridos saltaron polas fiestras e fracturáronse varios ósos.

Deixar un comentario