O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do grupo municipal do BNG no concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente á mellora da seguridade viaria no lugar de Outeda.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
As obras de construción dos nós de enlace viario na parroquia de Curro están a causar graves problemas de inseguridade tanto para os veciños e veciñas da parroquia como para a circulación de vehículos.
Xa era previsíbel que o desvío de tráfico a través do Lugar de Outeda pola estrada vella ía supor un problema para os veciños e veciñas. Esta estrada está totalmente abandonada desde hai moitos anos; de feito había un compromiso do anterior Goberno da Xunta cos representantes da Plataforma veciñal de urbanizar este treito de estrada para dar maior seguridade aos veciños diante do previsíbel aumento de tráfico debido ao acceso ao polígono.
O Goberno da Xunta do PP, ademais de non manter ese compromiso de urbanizar a estrada, non adoptou ningunha medida para mellorar a seguranza antes de desviar o tráfico pola mesma, limitándose a pintar un paso de peóns que os veciños non se atreven a utilizar con tranquilidade polo paso contínuo de vehículos que en moitos casos non respectan este paso de peóns, un tráfico intenso que é previsíbel se incremente coa chegada do verán.
Por todo o exposto o concello de Barro acorda aprobar a seguinte
MOCIÓN:
Solicitar da Xunta de Galiza que de forma urxente se adopten as medidas necesarias para mellorar a seguridade para as veciñas e veciños de Curro e para todos aqueles vehículos que circulan polo treito afectado polas obras, medidas que deben contemplar:
a) Melloras na sinalización e iluminación
b) Colocación dun semáforo no paso de peóns
c) Instalación de redutores de velocidade.
Barro, 21 de marzo de 2012
Asdo: Xosé Manuel Fernández Abraldes

