O abaixo asinante, Xosé Manuel Fernández Abraldes, portavoz do grupo municipal do BNG no concello de Barro, presenta a seguinte MOCIÓN referente á mellora da seguridade viaria na N-531 en Curro
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
As obras do chamado nó pequeño de Curro na N-531 (a carón da igrexa), están sen comezar. O BNG ten información de que a Xunta está reformando o proxecto aprobado e orzamentado coa intención de reducir o
investimento.
Este punto, pola intensidade de circulación, tanto de vehículos como de peóns, que soporta é o máis perigoso de toda a estrada.
A Xunta anterior deixou aprobado un proxecto, despois de negociar cos representantes políticos e veciñais, que soterraba o tráfico de paso, deixando unha rotonda a nivel, tanto para a circulación do tráfico local como, sobre todo, para que a gran cantidade de persoas que se moven a pé nese entorno o fagan con total seguridade.
O concello de Barro non pode aceitar que por criterios única e exclusivamente de aforro económico se poña en risco a seguridade das persoas.
Por todo o exposto o concello de Barro acorda aprobar a seguinte
MOCIÓN:
Dirixirse á Xunta de Galiza para demandar que se manteña o proxecto de soterrar o tráfico para dar seguridade a esa intersección de estradas, tal e como estaba previsto no proxecto orixinal, que xa estaba aprobado e orzamentado
Barro, 21 de marzo de 2012
