A crise dispara nun 34% a demanda de axudas de subsistencia en toda a comarca

Os efectos da crise, o aumento do paro e a perda de ingresos en moitas familias non deixa de provocar estragos en toda a comarca. Entidades benéficas como Cáritas ou o Comedor de San Francisco viron aumentar nos últimos meses a demanda de axuda por parte de persoas necesitadas, e estas consecuencias porse de manifesto de forma notable no balance que acaba de realizar a Consellería de Traballo e Benestar sobre a demanda da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) e as axudas para situacións de emerxencia social.
No primeiro caso, o número de solicitudes disparouse de forma notable en 2011 con respecto ao ano anterior, xa que se pasou das 118 peticións ás 158, cun incremento do 34%. Aínda que este aumento é xeral en toda a comarca, destaca excesivamente o caso de Marín, onde se duplicaron as demandas, ao pasar de 12 a 27, mentres que na capital mantivéronse estables (con 58 casos fronte a 56 o exercicio anterior). Tamén resulta rechamante o caso de Vilaboa, ao pasar dun a sete, mentres que en Caldas de Reis, as dúas solicitudes de 2010 pasaron a seis doce meses despois. Poio contabilizou 16 peticións e A Lama trece, unha cifra significativa a tenor da súa poboación, por baixo do tres mil habitantes, mentres que en Cotobade son nove, sete en Cuntis e oito en Ponte Caldelas. Sanxenxo (dous), Barro (tres), Moraña (un) e Portas (un) completan a relación, na que destaca que non houbo solicitude algunha en Campo Lameiro. Na repartición por sexos, en Pontevedra formuláronse máis peticións por parte de mulleres que de homes, un fenómeno que se repite na totalidade de municipios da comarca, tendo en conta que entre os beneficiarios inclúense mulleres separadas ou vítimas de violencia de xénero, entre outras modalidades.
A Renda de Integración Social de Galicia é definida pola Consellería de Benestar como unha prestación social destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, fundamentalmente de carácter alimenticio. Durante o pasado ano, máis do 93% dos concellos da provincia tramitaron solicitudes deste tipo, aínda que o número de rendas finalmente concedidas non alcanzou a todos os demandantes. Así, o balance da consellería en canto a peticións atendidas reflicte que aumentou esa concesión un 15%, ao pasar de 219 a 252, cun centenar de respostas positivas en Pontevedra (16 máis que en 2010), 43 en Poio, 28 en Marín ou 24 na Lama, así como 14 en Cotobade, por citar os municipios con máis alto número de rendas outorgadas.
Mentres a demanda da Risga aumentou de forma moi notable o pasado ano, rexistrouse en cambio un lixeiro descenso nas denominadas Axudas para Situacións de Emerxencia Social, unhas entregas económicas de carácter máis excepcional, xa que supoñen un pago único destinado a paliar necesidades extraordinarias e urxentes de persoas afectadas por situacións de emerxencia. A súa menor incidencia obedece, entre outras razóns, ao feito de que só se outorga unha destas axudas por unidade de convivencia ao ano. Así, o número destas peticións baixou de forma moi lixeira, de 270 a 266, aínda que si aumentou en Marín, Poio, Sanxenxo, Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Cuntis e A lama, pero o notable baixón na capital (de 142 a 112) compensou o aumento nos municipios citados. E as axudas finalmente concedidas tamén retrocedeu na comarca, ao pasar de 220 a 155, especialmente na capital, Cotobade e Ponte Caldelas.

Deixar un comentario