A Policía Autonómica detivo tres persoas como presuntas autoras de incendios
forestais nas localidades coruñesas de Santiago e Ordes e no municipio pontevedrés de Barro.
A Consellería de Presidencia informa de que, o pasado día 11, membros da xefatura de Santiago procederon á detención dunha veciña da parroquia de San Paio, en Compostela, como autora dun lume acontecido neste lugar e que afectou a uns 700 metros cadrados de monte raso.
As chamas, apunta, foron provocadas polo escape dunha queima de restos agrícola na que non se tomaron as medidas de seguridade preceptivas. Polos feitos, instruíronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución santiagués.
O mesmo día, os axentes imputaron a un veciño da parroquia de Oroso como presunto autor dun incendio en Santa Cruz de Montaos, en Ordes, que queimou 5.000 metros cadrados de monte raso.
O comezo debeuse á realización neglixente dunha queima para a que non existía autorización e tampouco se tomaron as pertinentes medidas de seguridade. Instruíronse dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Ordes.
Por último, este mesmo mércores, membros da Policía Autonómica da xefatura de Pontevedra informaron da imputación dun veciño de Barro como presunto autor dun incendio forestal imprudente, motivado por un escape de queima na parroquia de Agudelo que calcinou 3.100 metros cadrados de superficie arborada.
Por estes feitos, sinala a consellería, tamén se instruíron dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Primera Instancia e Instrución de Caldas de Reis.
Nas pescudas participaron axentes forestais das brigadas de investigación de incendios, mentres que para a extinción foi precisa a actuación dos servizos da Xunta, subliña Presidencia. Xa son 48 os detidos no que vai de ano por delitos relacionados con incendios forestais.