Venres 16 ás 21 h. na Biblioteca de Barro
Barro, 14 de marzo de 2012. É evidente que estamos a padecer unha grave crise económica que ten a súa orixe na aplicación das receitas neoliberais nas últimas décadas. Unhas receitas que apostaban pola economía especulativa en vez de pola produtiva e que deixaban en mans das grandes corporacións o control da economía. As consecuencias son evidentes: declive económico, perda de dereitos sociais básicos, deterioro dos servizos públicos e aumento do paro e das desigualdades sociais.
Lonxe de facer fronte ás causas desta crise, o PP, seguindo submisamente os ditados da Unión Europea, está a levar a cabo tanto no Estado coma en Galiza unha política económica cuxo obxectivo non é a dinamización económica nin a creación de emprego senón, única e exclusivamente, a redución do déficit público. E faino non cunha reforma fiscal que faga pagar máis a quen máis ten, nin reducindo de forma drástica os disparatados gastos militares, nin eliminando institucións obsoletas e caciquís como as Deputacións, nin suprimindo ministerios cuxas competencias están transferidas ás comunidades autónomas, senón que o fai recortando no gasto social e nos servizos básicos (sanidade, educación, etc.), na promoción do emprego e no investimento, até o punto que en Galiza só se adican a investimento hoxe 79 céntimos por cada 10 euros do orzamento da Xunta.
Toda esta política traduciuse nun aumento de máis de 6 puntos na taxa de desemprego, e un record histórico no número de parados e paradas, que se aproxima ás 275.000 persoas. E o máis dramático é que coas medidas adoptadas por Feijoo non só non se puxo fin á crise e ao desemprego en 45 días (como prometera en campaña electoral) senón que estamos a día de hoxe nunha situación crítica en todos os sectores produtivos da nosa economía e non se albiscan cambios que permitan unha reactivación económica e, en consecuencia, creación do emprego. As políticas do PP demostraron que só sirven para deprimir a economía e o emprego vai.
A reforma laboral do PP –en moitos aspectos continuísta da aprobada polo anterior goberno do PSOE- vai no sentido de facilitar aínda máis o despido, precarizar a situación laboral dos traballadores e traballadoras, reducir salarios e incrementar a xornada laboral. Esta reforma, ao incidir sobre a capacidade de consumo das maiorías sociais, afectará tamén moi negativamente á pequena é mediana empresa.
Para falar polo miúdo destes temas, o BNG está a levar unha intensa campaña de información aos veciños e veciñas. Dentro desta campaña terá lugar este venres ás 21 h. na biblioteca un acto público que contará coa participación do Portavoz Municipal do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, o Secretario Comarcal da CIG, Rafael Iglesias, e a Deputada e membro do Consello Nacional do BNG, Carme da Silva.
