O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín
Hernández, avanzou esta mañá que o departamento que dirixe licitará antes deste mesmo verán a redacción do proxecto para a conexión da estrada PO-531 (Pontevedra-Baión) coa N-550. Hernández fixo estas declaracións na XXI Edición da Festa do Caldo Galego de Mourente, organizada pola Asociación de veciños do Castro de Mourente. O obxectivo da Xunta de Galicia é dispoñer deste documento antes de que remate o ano 2012.
Segundo sinalou o conselleiro esta actuación permitirá solucionar os tráficos periurbanos da capital pontevedresa, mellorando as conexións viarias no norte da cidade mediante un vial con maior capacidade que conecte as estradas AP9, coa PO-531 e o seu enlace coa N-550. A actuación que se programa, coñecida como Variante de Alba, levarase a cabo ao longo de 850 metros e complementa a mellora da capacidade nos 4,6 quilómetros da PO-531 entre Pontevedra e Curro, que se transformará nunha vía urbana co obxectivo de compatibilizar o tráfico coa actividade existente na súa marxe.
Segundo indicou o conselleiro, este novo vial permitirá conectar as estradas de Vilagarcía e Santiago e evitar o paso actual baixo a liña do ferrocarril.