A Xunta apraza ao horizonte de 2015 a obra da autovía Curro-Baión por mor dos recortes

Os recortes que tivo que aplicar a Administración autonómica como consecuencia da crise económica obrigaron a cambiar o calendario do Plan Move (Mobilidade e ordenación viaria estratéxica) que incluía a execución de autovía Curro-Baión, para unir Vilagarcía con Pontevedra. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas prolongou en dous anos o horizonte desta nova autovía, polo que agora o obxectivo é finalizala no ano 2015.
De todos os xeitos, no orzamento da Xunta de Galicia para este ano consignouse unha partida de 13.212.957,96 euros con destino ao primeiro tramo da autovía.
Esta fase, que sae do macronudo de Curro, para penetrarse en terras da parroquia de San Lourenzo, en Meis, aproximadamente dous quilómetros ata a ligazón de Costa, xa foi adxudicada o 7 de febreiro de 2011 pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia á unión temporal de empresas, UTE, Fomento de Construcións e Contratas, FCC e Covsa, cun prazo de execución de 21 meses. Estas obras xa levan atraso.
A actuación está a expensas da finalización do macronudo de Curro, aínda que xa se perfilan os futuros carrís da nova autovía que axudará a desconxestionar a estrada PO-531, entre Vilagarcía e Pontevedra, que é a infraestrutura de comunicación de titularidade autonómica con maior densidade de tráfico.
A autovía Curro-Baión, con 8,8 quilómetros de lonxitude, ten un orzamento global de 122.700.000 euros.
A maior partida orzamentaria está na segunda fase do proxecto que partirá desde a ligazón de Costa para acabar na parroquia vilanovesa de Baión, onde enlazará co nó de comunicacións de Godos. Esta importante glorieta reúne agora as estradas N-640, PO-531, a circunvalación norte de Vilagarcía e o acceso directo do Porto de Vilagarcía á autoestrada, que tamén enlaza cunha armazón de viarias de alta capacidade pola comarca do Salnés.
A Consellería freou este segundo tramo da autovía que aínda estaba en fase de redacción do proxecto. A previsión de posibles novos recortes orzamentarios na Administración autonómica para axustarse ás novas directrices do Goberno Central fan temer que esta demandada infraestrutura de comunicación entre Vilagarcía e a capital da provincia aínda teña que esperar máis tempo. En situación similar atópase o desdobramento da vía de alta capacidade entre Sanxenxo e A Lanzada, ata O Grove.

Tren de proximidade entre Vilagarcía, Pontevedra e Vigo
É un medio de transporte cómodo, rápido e económico para o usuario, especialmente cando falamos de traxectos curtos, respectuoso co medio ambiente e en proceso de revalorización en toda Europa. Sábeo o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, que aproveitará a próxima (e primeira) visita institucional á cidade da ministra de Fomento, Ana Pastor, para exporlle a idoneidade de comunicar con trens de proximidade a capital con Vigo e con Vilagarcía.
A infraestrutura da AVE libera a vía convencional da alta velocidade o que posibilitaría, en opinión do alcalde pontevedrés, a implantación de ambas as liñas de proximidade interconectando o tres principais núcleos de poboación da provincia, entre os cales os intercambios laborais, empresariais, académicos, de prestación de servizos están á orde do día e en aumento.
As distancias entre Pontevedra, Vigo e Vilagarcía acúrtanse por momentos e un servizo ferroviario de proximidade contribuiría a reducilas aínda máis. Por definición estariamos a falar duns trens de proximidade, de gran capacidade e frecuencia, orientados a traxectos de ida e volta no mesmo día e con horarios axustados ao mundo laboral.

Deixar un comentario