A nova ministra de Fomento, Ana Pastor,
cumpriu o seu compromiso de declarar “prioritarias” as infraestruturas viarias pendentes en Pontevedra, en especial a circunvalación,
e este proxecto figurará no próximo Plan de Infraestruturas, Transportes e Vivenda (PITVI). Con todo, o calendario que se manexa para facer efectiva a súa execución non é inmediato. De entrada, ese próximo Plan non será aprobado polo Consello de Ministros ata o próximo mes de xullo e o seu horizonte máximo abarca ata 2024, é dicir, dentro de doce anos.
Tres son as iniciativas pontevedresas que se integrarán neste PITVI. Entre as actuacións previstas na Rede de Gran Capacidade figuran a autovía A-57 en Pontevedra, cun percorrido de 30 quilómetros e un orzamento de 425 millóns de euros, así como a A-59, a conexión directa desde Vilaboa ata Vigo e que se presenta como a alternativa á saturada AP-9. Neste último caso trátase dun viario de 26 quilómetros e 373 millóns de euros. A inclusión da A-57 no documento supón rescatar unha actuación que se deseñou durante a anterior etapa socialista no Goberno central pero que quedou en suspenso cos proxectos técnicos redactados e cando só restaba a licitación.
Algo parecido ocorreu coa circunvalación de Pontevedra, un viario que a cidade demanda desde hai anos e que Fomento deseñou e proxectou con detalla ata 2010, pero que quedou tamén paralizada a pesar de que se chegou a anunciar incluso a súa licitación para abril de 2011. Neste caso o ministerio expón que terá unha lonxitude de quince quilómetros e un orzamento de 182 millóns. No entanto, esta circunvalación non figura na Rede de Gran Capacidade, senón na Rede Convencional, xunto con propostas de mellora do transporte público, accesos a portos e aeroportos e “outras actuacións de mellora”. Aínda así, durante a campaña electoral Pastor reiterou en varias ocasións o seu compromiso con esta obra e lembrou que “Pontevedra é a única capital de provincia sen circunvalación”.
Unha das razóns polas que estas obras quedaron no seu día en suspenso foron as reticencias do Ministerio de Facenda coa fórmula público-privada para financialas. Ana Pastor anuncia que se acudiu a esa vía ao asegurar que os proxectos contarán cun financiamento público, estable e consolidada no tempo, e á vez recorrerase a fórmulas de colaboración público-privada equilibradas e viables”.
En todo caso, o PITVI non fai referencia algunha á prolongación da A-57 ata Barro, para conectar co futuro macronudo de Curro, e no capítulo da AVE cítase o Eixo Atlántico e, en materia de estacións, non figura a proposta intermodal que reclamaba o PP local. Pastor aclarou que “o tempo das obras faraónicas, dos convenios sen diñeiro, terminou”.